Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Alfonso Blasco, director do CNTG

"O coñecemento é un factor de produtividade"

Dirixe un centro creado para formar os profesionais das novas tecnoloxías no país, de "moi alto" nivel, a pesar de que a fenda dixital "debe mellorar".

M. del Río - 12:15 15/09/2009

Alfonso Blasco García é o director do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia dende os seus inicios, en abril de 2007, un ano antes da súa inauguración. O centro, dependente da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellaría de Traballo, ten como obxectivos contribuír na formación dun colectivo que responda ás necesidades do tecido produtivo galego relacionado coas novas tecnoloxías e coa sociedade da información.

Cales son os obxectivos a curto prazo do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia?

Os obxectivos do CNTG, centro dependente da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar, para o período comprendido entre outubro de 2009 e xuño de 2010 son varios: por unha banda incrementar a difusión das nosas actividades de xeito que cheguen ao maior número de profesionais, por outra pór en marcha un circuíto estábel de seminarios tecnolóxicos que, transferindo coñecemento, permitan dinamizar o sector e, finalmente, reforzar as liñas de colaboración cos fabricantes tecnolóxicos, asociacións empresariais e colexios profesionais de xeito que poidamos seguir ofertando accións formativas de calidade, valoradas polo mercado e que respondan a necesidades reais do sector.

Como poden contribuír as actividades ofertadas a mellorar a implantación das TIC e a superar a fenda dixital en Galiza?

Dende logo esa é a nosa idea, nós defendemos que o coñecemento é un factor de produtividade e que a formación, dirixida á mellora continua dos profesionais, debe facilitar o incremento da capacidade competitiva das empresas e por tanto da implantación das TIC. A superación da fenda dixital exixe actuacións diversas e coordinadas. Partindo desta premisa o CNTG pode, dentro do seu ámbito competencial, achegar o seu gran de area mediante a detección de tendencias tecnolóxicas que permitan a formación de profesionais certificados, realizar actuacións dinamizadoras como centro demostrador de novas tecnoloxías ou ferramentas, propor xornadas de sensibilización sobre oportunidades e ameazas do mercado, etc.

Estase a reducir esa fenda? En que aspectos sería necesario incidir máis?

Non me atrevo a dicir dun xeito tallante que a fenda se estea a incrementar ou a diminuír, pero si é claro que a posición de Galiza respecto ao resto de España e Europa debe mellorar, existindo determinados aspectos nos que cómpre incidir: investimento en infraestruturas, incremento da banda larga, universalización da capacidade dos cidadáns para acceder aos servizos da sociedade do coñecemento, etc.

Como é a calidade dos profesionais e das empresas galegas relacionados coas novas tecnoloxías?

Non hai dúbida, en Galiza o nivel e calidade, tanto dos profesionais como das empresas, é moi alto. As empresas sostéñenas os profesionais e na nosa comunidade existen varias que son todo un referente para o sector. Cinguíndonos ás persoas, aos técnicos, a experiencia que temos recollida neste ano de funcionamento do CNTG amosa unha forte implicación dos alumnos nas actividades formativas organizadas polo centro, consecuencia do seu interese en seren competitivos e cualificados nas diversas tecnoloxías que afectan ao seu ámbito profesional.

Debe aumentar a colaboración entre as administracións e as empresas TIC?

Un dos alicerces base do CNTG é potenciar unha contorna colaborativa e participativa entre o centro e as empresas, agrupacións empresariais e colexios profesionais do sector. Se no primeiro ano da nosa andaina chegamos a acordos con asociacións tales como Agestic, Eganet ou Ineo, os nosos obxectivos para este segundo ano que iniciamos son, por unha parte, consolidar e potenciar as liñas colaborativas xa en marcha e, por outra banda, incorporar a estes acordos a novas asociacións e colexios profesionais.


3/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: