Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
RECUPERACIÓN DO noso LEGADO

Quen xoga ao pase misí?

Melide acolle o I Curso de Formación sobre o Patrimonio Lúdico que procura difundir os xogos populares do país.

Iria Ameixeiras - 17:30 15/09/2009

A Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) e a Nova Escola Galega (NEG) organizan o I Curso de Formación sobre o Patrimonio Lúdico Os xogos tradicionais. Perspectiva educativa. O obxectivo desta actividade destinada a educadores é “recrear os xogos populares e seguir inventando” asegura Paco Veiga, investigador do patrimonio lúdico do país. O curso terá lugar en Melide entre o 2 e o 3 de outubro.


Quen non xogou nunca ao pase misí ou ao brilé? Pois os xogos seleccionados para este curso foron probados en prácticas de divulgación realizadas nos colexios. Entre as actividades, Paco Veiga destaca aquelas relacionadas cos xoguetes de música. Ademais, fai fincapé noutros xogos localizados en zonas determinadas de Galiza, coma a porca, “un antecedente do golf e do hockey que se xogaba no sur de Ourense”. Na súa programación tamén inclúen a creación de pezas lúdicas, non tanto polo labor artístico, senón para “crear a sensación de que se poden facer”.

Analizar, coñecer as características específicas ou introducir aos educadores no xogo popular son algunhas das principais finalidades deste curso de 12 horas homologado pola Consellaría de Educación. Algunhas investigacións demostran que Galiza é un dos territorios ibéricos con maior número de xogos e deportes tradicionais, e que mantén un alto nivel de preservación e vixencia. Para Veiga, no noso país a xente está conciencia da necesidade de recuperar este legado. Ao pouco de abrir o prazo de inscrición, xa había 30 profesores e educadores apuntados, a metade do número total de prazas. O boletín de inscripción está á disposición de aqueles profesionais da educación que queiran apuntarse nas web da AGXPT e da NEG.

Tempo de lecer
O legado lúdico galego reviviu nas últimas décadas debido a un intenso proceso de recompilación e de divulgación. Estanse levando a cabo, ademais de estudos que catalogan e analizan os xogos galegos, iniciativas de recuperación. Porén, o labor máis importante está presente no eido escolar, xa que o proceso de recuperación en Galiza, feito desde os colexios, debe pasar pola catalogación dos xogos e pola difusión da recollida efectuada. De aí que este curso se imparta para os profesores de ensino primario e secundario, así coma para os educadores de tempo de lecer. 

O pobo foi quen de crear infinidade de xogos para paliar as necesidades lúdicas, de forxar a interactuación entre nenos e adultos, e ademais, tivo a capacidade de transmitir estas creacións, cun gran valor educativo, de xeración en xeración. Desenvolvéronse diversas teorías de cara á necesidade lúdica. Para algúns trátase simplemente dun xeito de liberar enerxía, outros autores atenden á recreación do mundo adulto a través do xogo, a “profesión dos nenos”. Así mesmo, inciden en que, para o ser humano, é precisa a diversión e mesmo facer ver que no xogo está tamén reflectida a necesidade dun constante cambio de actividade.


Ligazóns

3,63/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxes dos xogos tradicionais galegos

A porca, un xogo tradicional galego. Foto: www.xogospopulares.com
A porca, un xogo tradicional galego. Foto: www.xogospopulares.com