Centos de amigos da vítima concentráronse ás portas da Audiencia Provincial de Madrid para recordarlle ao suposto asasino que “non quedará impune”.
Nos inicios do xuízo polo asasinato de Carlos Palomino, centos de amigos da vítima antifascista reclaman unha condena para o homicida, un militar de ideoloxía fascista. O suposto asasino, Josué Estébanez, que este luns se sentou no banco de acusados da Audiencia Provincial de Madrid, declarou que actuou "por instinto" ao verse acorralado por persoas armadas.
Rodeados por un amplo dispositivo policial, os amigos do mozo asasinado lanzaban consignas do tipo de "Carlos, irmán, nós non esquecemos". Lemas como "O voso asasinato non quedará impune" ou "Josué, asasino!" estaban gravados nos carteis que encabezaban a concentración. Ademais a nai da vítima, Mavi, achegouse á Audiencia "con gañas de que se celebre xa a vista oral". Asegurou que pretendía "ser civilizada" e tamén, tratar de "transmitirlle algo coa mirada. Quero velo"."Confío na xustiza. É a miña fe, mantéñome ante ela, quero unha sentenza exemplar", aseverou.
A Sección Primeira será a encargada de xulgar a Estébanez, que se enfronta a unha petición fiscal de 29 anos de cárcere. O avogado da familia de Palomino solicita para o homicida 37 anos de prisión, 20 polo delito de asasinato, catro por un delito de ameazas, tres por posesión de armas e 10 por unha tentativa de homicidio. Así mesmo, pide a resposabilidade subsidiaria do Ministerio de Defensa porque a arma do crime era unha navalla de maniobras do Exército español.