Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Centro Dramático Galego

Os actores e actrices protestan polo baleiro na dirección do CDG

Co cesamento de Cristina Domínguez suspendeuse a próxima produción do organismo, As actas escuras, de Roberto Vidal Bolaño.

Redacción - 08:45 09/09/2009

A Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG) manifestou este martes o seu malestar coa situación xerada no Centro Dramático Galego tras o cesamento da súa directora, Cristina Domínguez. Así llo fixeron saber ao conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, nunha carta na que lle piden o nomeamento inmediato dun novo director ou directora.

A actual directora do CDG foi cesada a pesar de que a consellaría anunciara con anterioridade que Cristina Domínguez permanecería no cargo ata final de ano. Como consecuencia, suspendeuse a produción na que estaba traballando o centro, As actas escuras, de Roberto Vidal Bolaño. Se ben aínda non comezaran os ensaios, a obra xa contaba cun reparto seleccionado. “Isto significa que numerosos profesionais, que renunciaron a outros traballos para asumir o compromiso coa nova produción do CDG, quedan seriamente prexudicados”, explican desde a AAAG, que lamenta tamén que “por primeira vez na historia do Centro Dramático, se interrompe a continuidade na actividade do teatro institucional”.

A asociación pide á consellaría que explique as razóns deste cambio de criterio e demanda o nomeamento inmediato dun novo director ou directora do CDG. Tamén lle solicitan ao conselleiro o mantemento da produción d'As actas escuras nos prazos previstos e dos compromisos adquiridos cos profesionais que ían participar na súa montaxe.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: