Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Intervención do Foro da Inmigración

Cidadáns de Ferrol poñen en dubida a detención dun cidadán senegalés

Apresado por raiar coches e se enfrontar á Policía cun desaparafusador, agora os seus dereitos poderían estar a ser vulnerados.

Redacción - 19:45 08/09/2009

O Foro Galego de Inmigración formado por máis de 80 asociacións e entidades de todo o país pediu de xeito "urxente" unha xuntanza co subdelegado do goberno español na Coruña. Varias asociacións veciñais e entidades sociais de Ferrol puxéronse en contacto co foro co fin de que este interveña en favor dun mozo senegalés actualmente encarcerado no penal de Teixeiro.

Os medios de comunicación comarcais e moitos outros nacionais e estatais fixéronse eco do suceso acontecido o pasado 1 de setembro na cidade. A Policía, relataron, detivo a S.A.A.M.K. logo de recibir a chamada dun veciño denunciando que este estaba a raiar coches estacionados no centro de Ferrol.

Segundo a información facilitada pola comisaría aos medios, "sen ter mediado palabra" S.A.A.M.K encarouse cos axentes "en actitude desafiante e facendo mofa deles". Ademais, feriu tres -un tivo que ser ingresado nun centro hospitalario- co desaparafusador que portaba.

Porén, para a asemblea cidadá que contactou co Foro da Inmigración, o feito de que "unhas 50 persoas se xuntasen arredor dos axentes para se oporen a detención do individuo", tal e como recolle a prensa de fontes policiais, e en base as imaxes do momento da inmobilización do mozo penduradas na internet, fai pensar que "existen datos incoherentes e que fan a historia relatada polos medios incompleta ou imprecisa".

"Evidencias de trato desigual e racismo"

Neste senso, o Foro considera que o tratamento dado polos medios a esta nova e os comentarios en webs proban que "máis alá do feito en si, existen evidencias de trato desigual e racismo". Precisamente, unha das maiores preocupacións dos colectivos sociais de apoio aos inmigrantes é que isto leve á "criminalización" da comunidade senegalesa en Ferrol.

Actualmente, S.A.A.M.K está en Teixeiro privado das visitas do seu irmán, xa que non pode probar o parentesco ao non teren documentos identificativos. Porén, este xa participou como testemuña no xuízo, quedando polo tanto acreditado diante da Administración, argumentan dende a asemblea cidadá ferrolá.

As indagacións realizadas levan a concluír que o preso padece algún tipo de "enfermidade mental", polo que consideran que o seu sitio "non é o cárcere, senón un servizo ambulatorio axeitado". Neste senso, denuncian, non hai certeza de se foi inspeccionado por parte do Forense do Xulgado. E malia que ten causas pendentes, supostamente non se lle detectou a doenza nin foi derivado a un centro psiquiátrico.

Ademais, din, logo da detención, ningún dos dous primeiros avogados asignados de oficio puideron velo, xa que segundo valoracións policiais "non era recomendábel" debido ao seu "estado agresivo". Por todo isto, en defensa dos dereitos fundamentais deste cidadán senegalés, a asemblea cidadá anunciou para a quinta feira unha xuntanza onde se vai decidir cales han de ser os seguintes pasos a dar.


4,14/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: