As dúas compañías coinciden en reunir catro personaxes arredor dun morto nas súas novas producións desta tempada.
Catro persoas arredor dun morto. Esta é a formulación argumental que comparten O segredo dos Hoffman e Atra Bile, as dúas obras que propoñen para esta tempada Lagarta Lagarta e Teatro de Ningures. Ambas se estrean esta semana no 5º Festival de Teatro Galego, que se celebra do 7 ao 11 de setembro no Carballiño.
Lagarta Lagarta abre hoxe o festival. Rosa Álvarez dirixe a Xosé Barato, Ernesto Chao, Belén Constenla e Rebeca Montero en O segredo dos Hoffman. Roberto Salgueiro adaptou para a compañía a novela homónima de Alejandro Palomas, finalista do Premio Torrevieja 2008. Na peza, catro membros dunha familia, rota por un segredo oculto durante anos, reúnense con motivo do falecemento da avoa Constanza. O argumento vaise enfiando cos recordos, soños e anhelos dos protagonistas, que describen un universo pechado e envolvente.
Tamén é unha persoa morta a que reúne no escenario aos protagonistas de Atra Bile, a nova proposta de Teatro de Ningures. Tres irmás anciás e unha criada velan o cadáver do marido dunha delas. No velorio saen á luz os problemas e segredos familiares fermentados ao longo de cincuenta anos de convivencia. Laila Ripoll escribiu esta obra que agora dirixe Etelvino Vázquez, cun elenco formado por Casilda García, Sonia Rúa, Josi Lage, David Novas e Fran Paredes. A estrea será o xoves.
Premio honorífico para Xulio Lago
Polo Festival de Teatro Galego tamén pasará Chévere, que pon en escena este martes Testosterona. E o mércores Teatro Nu presenta Coa palabra na lingua, un percorrido teatral pola poesía galega e portuguesa. O festival programa ademais un obradoiro de zancos, a cargo da compañía Zancalino, e un obradoiro de improvisación para actores e actrices, que imparte Mariana Carballal.
O festival péchase cunha gala na que se entregan os premios aos mellores espectáculo, actor e actriz. Este ano creouse ademais un premio honorífico co que o festival recoñecerá na súa primeira convocatoria a traxectoria de Xulio Lago. Director e promotor de Teatro do Atlántico, Lago é un dos nomes claves no teatro galego desde principios da década dos 70.