O presidente da Xunta gabou o papel da institución premiada nun contexto de "Galiza plural e amigábel".
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, erixiu este domingo a Real Academia Galega como "depositaria da memoria" que achegou ao presente "a visión de Galiza como un país que compite unido", polo que destacou o papel da institución como "punto de encontro de galegos espiritualmente libres".
Feijoo presidiu en Celanova a entrega do XXV Premio 'Celanova, Casa dos Poetas', organizado pola Fundación Manuel Curros Enríquez e que este ano se lle dedicou á RAG, nun acto que contou coa presenza do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez; e o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.
Na súa intervención, destacou que na actualidade os galegos son "plenamente libres" aínda que recordando a importancia "en democracia" doutros "puntos de referencia". "Somos hoxe o que queremos ser e somos gobernados como decidimos selo", incidiu. Así, valorou a existencia de "democracia, liberdade, linguas" para expresarse e pediulles a "institucións, academias e poetas" camiñar "xuntos". A RAG é "o anticipo da Galiza que queriamos: plural e amigábel", de galegos "afastados de dogmatismos e sen maior modelo que eles mesmos".
Así mesmo, Feijóo agradeceu o traballo da RAG "e os poetas" para crear "un gran río chamado Galiza dos dous mil ríos". Por iso, avogou por manter "acendido" o "faro espiritual que representan os homes e mulleres dedicados á nobre tarefa da creación" en Galiza e "seguir iluminando os camiños da recuperación" da identidade galega. "Esa liberdade que fai que tesouros como a lingua sexan de todos", concluíu.
Tras a recepción no concello, os participantes asistiron a unha ofrenda floral no monumento de Celso Emilio Ferreiro con motivo do 30 aniversario da súa morte.