Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Reggae no Burgo este sábado

Xamaica, capital Culleredo

Os vigueses Zamaramandi subiranse ao escenario do Foundation Reggae Festival logo de gañar o seu concurso.

Redacción - 10:15 05/09/2009
Zamaramandi en directo

Zamaramandi en directo



A Bob Marley atribúeselle a frase “o reggae cubrirá a terra como a auga cobre os mares”. Non andaba moi desencamiñado Marley, porque décadas despois da súa morte músicos de todo o mundo volven unha e outra vez sobre os sons xamaicanos. En Culleredo o Foundation Reggae Festival programa cada ano grupos punteiros de Xamaica e de Europa xunto con bandas galegas que se apuntan ao reggae.

O festival celébrase este sábado 5 de setembro no paseo do Burgo. Os vigueses Zamaramandi, gañadores do V Concurso Galego de Reggae, abrirán unha noite na que tamén subirán ao escenario Kumpania Algazarra (Portugal), Junior Tshaka (Suíza) e Tosh Meets Marley Fully Fullwood Band (Xamaica). Encabeza esta banda Fully Fullwood, un baixista que tocou con Peter Tosh, Bob Marley e Michael Rose, entre outros.

A raíz xamaicana de Zamaramandi
Javier Vicente e Jorge Rodríguez puxeron a andar hai dous anos o proxecto Zamaramandi, unha banda de oito compoñentes que grava no seu propio estudio en Vigo. “Tocamos temas nosos de reggae roots, inspirados na música xamaicana de finais dos 70 e principios dos 80”, explica Javier Vicente. “Facemos un reggae bastante clásico, pero influenciado pola frescura que imprimiron grupos ingleses como Aswad e Steel Pulse”.

Zamaramandi xorde nun panorama musical galego que cada vez mira máis cara a Xamaica. A finais de 2008 comezaron a actuar en festivais e salas do país, e en abril deste ano gravaron o seu primeiro tema, “Movimiento rasta”:



Agora veñen de gañar a quinta edición do concurso que organiza o festival de Culleredo, e que en anos anteriores premiou a grupos influenciados polo reggae como Som do Galpóm, Kogito, Ment e Dandy Fever. A diferencia destas bandas, Zamaramandi aposta por un son máis fiel ao estilo xamaicano, algo menos frecuente en Galiza. Javier Vicente sinala que “a escena galega de reggae está formada sobre todo por selectah, que pican vinilos sobre os que interpretan cantantes de raga”. Entre as bandas de reggae de referencia en Galiza, cita tres: “Bush Doctors, Pinnacle Roots Reggae Band e Taru e os Paxaros de Coiro”.


Ligazóns

4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: