O primeiro ministro israelí carga contra a asociación de militares veteranos que denunciou os abusos do exército en Gaza.
Malos tratos a presos, saqueos de vivendas, uso de civís como escudos humanos, permiso para disparar primeiro e preguntar despois... Son algunhas das prácticas que revelan os testemuños de soldados que recolleu o colectivo israelí Breaking the Silence ("Rompendo o silencio"). O informe que os inclúe, feito público o pasado mes de xullo, documenta así graves actuacións militares durante a ofensiva do exército de Israel en Gaza, operación que acabou co falecemento de arredor de 1400 palestinos. Un informe que se une ao publicado por Amnistía Internacional, que tamén acusa de "crimes de guerra" o exército israelí e estende a mesma acusación ao movemento palestino Hamás.
Durante a súa visita esta semana ao Reino Unido, o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, falou con belixerancia deste colectivo e instou a Unión Europea a non colaborar no seu financiamento. Recordámoslles que o informe que sacaba á luz as violacións aos dereitos humanos agradecía explicitamente o apoio da UE á investigación e de xeito concreto á Axencia Española paa a Cooperación Internacional e mais o Reino Unido e os Países Baixos. "Deberían rachar o silencio en lugares onde de verdade o hai, como baixo o réxime de Hamás en Gaza", dixo Netanyahu ao respecto. "Israel, como o Reino Unido, está loitando contra o terrorismo e exercitando o seu dereito á auto-defensa, e non hai motivo para acusar o exército israelí igual que non o hai para acusar a actuación británica en Afganistán ou Iraq", xustificou.
Máis información no diario Haaretz e na bitácora Muzzlewatch.