Amnistía Internacional intenta impedir a lapidación de Sakineh Mohammadi, que leva tres anos presa, acusada de terlle sido infiel á súa parella.
Na prisión de Tabriz, no oeste de Irán, leva máis de tres anos Sakineh Mohammadi. Todo o delito que as autoridades lle apoñen a esta muller é ter unha “relación ilícita”, polo que no seu día xa recibiu 99 lategazos. Poucos meses despois foi tamén acusada de “adulterio estando casada”. Os xuíces non dubidaron en condenala a morte por lapidación. A pesar de que o seu avogado recorreu a sentenza dúas veces, a súa iniciativa non prosperou.
Dende Amnistía Internacional subliñan que Sakineh sufriu un xuízo inxusto e sen ningunha garantía. A súa defensa presentou un último recurso diante da Comisión de Amnistía e Indulto de Irán, se este órgano non atende a petición, a muller será lapidada.
Paralelamente a este último recurso, Amnistía Internacional ten en marcha unha campaña de sinaturas en liña para pedirlle ao goberno iraní que non permita a execución.