O grupo ecoloxista pide a actuación da Consellaría de Cultura, do Concello e da Diocese de Tui-Vigo.
O grupo ecoloxista Adenco denunciou este mércores que as obras que se están a acometer no ámbito da igrexa de Mondariz carecen de licenza e, ademais, "privatizan" unha zona verde, polo que o colectivo puxo a situación en coñecemento da Consellaría de Cultura, do Concello e da Diocese de Tui-Vigo.
Nun comunicado, a organización ecoloxista da bisbarra do Condado afirma que o promotor da obra "pechou o adro da igrexa" a través da instalación de "varios piares de pedra e barras de aceiro inoxidábel", ocupando un espazo que no plan municipal figura como zona verde. Así, consideran que existe unha "apropiación indebida dun espazo público de titularidade municipal".
Obra "irreversíbel"
A agrupación tamén criticou que se realizaron dúas perforacións no exterior do brazo norte do templo, coa finalidade de habilitar dous amarres permanentes para dous dos tubos instalados, algo que consideraron "innecesario e aberrante" e que, ao seu xuízo, constitúe un "auténtico atentado" contra o patrimonio cultural por tratarse dunha "obra irreversíbel que non poderá, nunca, recuperar o seu aspecto orixinal".
Ante esta situación, Adenco espera que as diferentes administracións públicas tomen medidas "urxentemente" de forma que "a legalidade se restitúa". Así, tras mostrar a súa estrañeza de que o goberno local non actuara aínda malia que estas obras están no centro da localidade e próximas á propia Casa do Concello, o colectivo advertiu de que non descarta "tomar outra serie de medidas nos inmediatos días".