Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mobilizacións contra o porto deportivo

Mariñeiros da ría de Vigo cavilan un paro da flota en protesta polo peirao cangués

Patróns maiores de confrarías de toda Galiza achegáronse a Cangas para expresaren a súa solidariedade nas iniciativas contra as obras no Salgueirón.

Redacción / Europa Press - 10:00 16/08/2009

A Confraría 'San Xosé' de Cangas reunirase o próximo luns con todas as cooperativas para decidir se levan a cabo a súa ameaza de paralizar a actividade en toda a flota de baixura da Ría de Vigo e anunciou que, ademais desta medida de presión, pedirán unha reunión co ministro de Fomento, Xosé Blanco; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; e a Consellaría do Mar, para pedirlles que poñan fin ás obras do porto deportivo de Massó.

En declaracións aos medios de comunicación despois dunha concentración de barcos na ría, fronte á conserveira, o patrón maior da Confraría, Evaristo Fernández, comprometeu a súa palabra de continuar "buscando apoios" entre as diferentes administracións e colectivos sociais que permitan a "paralización" dos recheos, motivo polo que solicitará unha entrevista con Blanco e Feijoo. Contan co "apoio" da Federación Estatal de Confrarías de Pescadores, cuxo presidente estivo presente este sábado na mobilización, que reuniu un centenar de embarcacións pesqueiras e varias decenas de detractores do complexo turístico na beira. "O noso apoio incondicional e estaremos para todo o que demande a ría de Vigo", sinalou Genaro Amigo, presidente da Federación.

Xunto a Amigo, tamén asistiron os representantes da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, Benito González; e da Federación da provincia de Pontevedra, Xosé Antonio Gómez. Ambos os dous deixaron constancia da súa disposición a participar en calquera acto organizado co fin de "defender a Ría de Vigo" e, en consecuencia, a conservación dos recursos naturais da zona. "A Federación Galega vai estar aí, porque sufrimos as imprudencias urbanísticas e a raíz diso estamos a entrar en zonas prohibidas para o marisqueo", apuntou Benito González para argumentar que "o mar é patrimonio de todos".

A presenza da Federación estatal e galega fixo ao Patrón Maior de Cangas, Evaristo Fernández, sentirse "moi avalado" na súa loita, aínda que adiantou que non vai cesar na busca de "apoios". Así, anunciou, ademais, a súa intención de comezar "unha loita distinta á de agora". "Iso non quere dicir que a levada a cabo ata agora non sirva, pero contar co respaldo das Federacións dá máis moral para seguir apostando contra esta barbaridade", expresou Fernández.

Mensaxes a Caixanova
O Patrón Maior tivo palabras para Caixanova, Mariña Atlántica --empresa propietaria-- e para o subdelegado do goberno español, Delfín Fernández. Á entidade bancaria e á empresa propietaria da conserveira advertiulles de que "non van ser capaces de facer esa barbarie que se chama porto deportivo" porque, considera, "non ten ningunha razón de ser que arroupen un proxecto que só defende a unha empresa".

Así, recordou que as Confrarías da ría de Vigo representan 389 empresas e sinalou que "cada unha delas está formada, como mínimo, por dúas familias". "Somos empresas máis pequenas que Mariña Atlántica, pero tan dignas como ela", advertiu Evaristo Fernández. En canto á actuación da Garda Civil, o representante dos pescadores de Cangas avisou á subdelegación do goberno español de que os detractores de Massó "van seguir coa loita, a pesar dos paus". Dixo que non se vai consentir que "a barbarie" siga adiante.

Concentración de barcos
Tanto o patrón maior cangués como o resto da directiva das outras Federacións compareceron en conferencia de prensa despois de que un cento de embarcacións de pesca de baixura percorresen a ría de Vigo e se concentrasen fronte á conserveira simulando o perímetro dos recheos previstos no proxecto de Mariña Atlántica para o Porto Deportivo.

Segundo informou a Europa Press Xavier Costa, pescador membro da Confraría 'San Xosé' de Cangas, os recheos terían unha dimensión de 180 metros de diámetro e 450 de perímetro. Así mesmo indicou que os efectos para o banco de marisco serán "desvastadores" e provocará a perda de entre 400 e 500 empregos do sector. "Estannos a tratar como delincuentes cando non o somos", concluíu.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: