A NASA informará nun novo sitio de internet sobre os obxectos próximos á Terra que poidan supoñer algún perigo.
A web ofrece información detallada de cada cometa ou asteroide que se achega á Terra
Asteroid Watch. Ese é o nome da nova páxina web posta en marcha pola NASA que advertirá en tempo real sobre os asteroides e cometas que se acheguen até a Terra, fundamentalmente os que poidan supoñer un perigo. Aqueles que ven no ceo unha ameaza constante teñen agora un novo recurso web que lles permitirá coñecer toda a información científica respecto a estes obxectos espaciais, con fotografías, vídeos ou até unha conta de Twitter.
Dependente do Laboratorio de Propulsión a Chorro da NASA (JPL, nas súas siglas en inglés), a web ofrece ademais información para a cidadanía común, é dicir, para aqueles que carecen de coñecementos técnicos, de xeito que está aberta a todo tipo de afeccionados. Ademais, conta cunha aplicación que informa aos usuarios dos próximos cinco obxectos que se aproximarán á Terra a unha distancia máxima de 7,5 millóns que quilómetros (ou 19,5 veces a distancia á Lúa), dando mesmo detalles do seu tamaño e da súa data e aproximación.