Se usas a esquerda para escribir, debuxar, xogar ao fútbol, tocar a guitarra, agarrar o garfo ou saudar, parabéns: hoxe é o teu día.
Desde hai 18 anos, cada 13 de agosto celébrase Día Mundial dos Zurdos. Os esquerdos, manichos, manenchos ou xergos do mundo están convidados a reivindicar os seus dereitos e facer comprender que o mundo está organizado e pensado para os destros.
Un de cada dez galegos está este xoves de festa. É o día de amosar o seu orgullo de ser manicho, nunha data á que non lle falta carácter reivindicativo. Coa súa celebración preténdese chamar os desafíos que provoca nos zurdos vivir nun mundo de destros. Quérese celebrar as habilidades dos zurdos e acabar coas supersticións culturais históricas que aínda se notan en prexuízos actuais. Por último, reclámase de deseñadores e fabricantes obxectos pensados para a comodidade dos manichos.
Desde a web Lef Handers' Day, propoñen para este día unha serie de accións didácticas para explicar as dificultades ás que se enfrontan os zurdos. A proposta é que ao longo do día os destros empreguen a man esquerda en acciós cotiáns: usar utensilios de cociña, abrir botes de conserva, cortar un bisté, escribir en cadernos de espiral... Outras posibilidades pensadas para o verán son desputar torneos deportivos nos que se use só a esquerda ou ir de cañas empregando só esta man.