Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nos micrófonos da Radio Galega

O voceiro de Exteriores do PP xustifica o golpe en Honduras

Evita defender o exiliado presidente Manuel Zelaya e acúsao, xunto ao venezolano Hugo Chávez, de "incitar á guerra civil".

Redacción / Europa Press - 10:00 10/08/2009

O deputado do PP, voceiro deste partido da comisión de Exteriores do Congreso e analista de asuntos internacionais, Gustavo de Arístegui, rexeitou este domingo defender o deposto presidente hondureño, Manuel Zelaya. Asegurou que "nin el nin Hugo Chávez son demócratas" e insistiu en que pretenden "incitar á guerra civil en Honduras". "Nunca lles darei apoio, nin alento, nin xustificación", aseverou.

Nesta dirección, Arístegui tachou de "precipitadas" as declaracións dos partidos españois tras o golpe de Estado, algo que, defendeu, "non fixo ningún político do PP". Nunha entrevista na Radio Galega, o popular censurou o procedemento polo que se produciu esta deposición, pero defendeu que se efectuou tras un decreto avalado polo Congreso. "Zelaya non é un demócrata", acusou ao presidente expulsado polo golpe de Estado. "O seu partido, o Partido Liberal de centro esquerda, non quere que haxa eleccións en Honduras", teimou Arístegui. Engadiu que por este motivo promovía unha medida para perpetuar o seu cargo á fronte do goberno, similar ao referendo do líder venezolano quen, segundo o voceiro do PP, é o seu "xefe real".

Sobre o goberno de Hugo Chávez, o especialista en política internacional do PP cualificouno de "perverso" e lamentou, por iso, que "algúns partidos en España" o traten de democrático. "Venezuela non é un réxime como o castrista, senón aínda peor", afirmou, porque é un país "máis grande, non está illado e produce petróleo".

"Matóns da política"
A continución, Arístegui asegurou que "moitísimos españois" que residen neste Estado "son hoxe perseguidos, encarcerados e atracados por un réxime perverso". Un goberno que ten "a forza de réximes fascistas ou nazis" e cun partido "que pretende ser único", adicoulle o membro do PP ao executivo de Chávez.

Neste sentido, denunciou que se "persigue á disidencia" e "péchanse os medios críticos co poder". "Unha forma de actuar propia de matóns da política e dun país que privatiza a violencia política", expuxo. A este respecto, dixo o voceiro popular que lle causa "especial tristura" que "algúns partidos que se din democráticos en España chaman demócrata ao réxime en Venezuela, cando para que haxa democracia non abonda con que haxa eleccións cada catro anos, senón que ten que haber dereito á información, liberdade de expresión, separación de poderes".

Por último, subliñou que o programa nuclear que desenvolve Irán é "moi inquietante", porque, ao seu xuízo, o que quere o presidente iraní, Mahmud Ahmadineyad, é construír a bomba nuclear para uso "civil e militar". Para a produción de enerxía eléctrica a través de enerxía nuclear abondaría cun programa só civil. "Como país islámico non árabe quere perpetuar o réxime islamista radical", denunciou, nunha estratexia que dixo ver similar á de Corea del Norte.


2/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: