Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Fronte ás posíbeis fusións

Feijoo mantén o silencio sobre a posición da Xunta coas caixas de aforro

O presidente xustifica que decidirá "cando corresponda" e "sen presións". Desde a oposición lamentan as negativas a debater e consensuar unha estratexia.

Redacción - 19:00 06/08/2009



"O Goberno fai os deberes con discreción", sentenciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, logo do Consello da Xunta deste xoves. Insistiu Núñez Feijoo en que "ninguén de fóra" vai impoñer "un calendario" para resolver o futuro de Caixa Galicia e Caixanova.

Asegurou Feijoo que decidirá a súa posición sobre o futuro das dúas entidades financeiras do país e as posíbeis fusións que afrontan "cando corresponda" e sen atender a "presións externas". "Non nos van impoñer un calendario dende fóra, nin partidos nin outras comunidades, teimou. De paso, rexeitou as críticas do PSdeG ao respecto do seu silencio e acusou os propios socialistas de non teren aínda "unha opinión" ao respecto deste asunto. "O PSOE está a favor ou en contra da fusión?", preguntouse. A continuación defendeu a existencia de dous tipos de política económica, "a do rumor e a do rigor", dixo, "e eu súmome á do rigor", engadiu, chamando a evitar os ruxerruxes no deseño do novo sistema financeiro estatal.

O PSdeG convida a consensuar posicións
Con todo, desde o propio PSdeG recordaban este xoves os desafíos deixados esta mesma semana na mesa dos populares, a quen lles estenderon unha proposta para asinar no Parlamento unha iniciativa en contra da absorción das caixas de aforro galegas por entidades foráneas. "A nós este tema non nos colle por sorpresa, no programa electoral presentamos propostas, e no discurso de investidura defendemos a necesidade de estabelecer un consenso sobre este asunto, pero só obtivemos o silencio por parte de Feijoo", reprochou o voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga.

O deputado socialista lembrou ademais que hai xa máis dun mes que o seu partido propuxo a creación dunha comisión non permanente para o estudo do sistema financeiro galego. Fernández Leiceaga destacou así a necesidade de abrir un debate para a análise e deseño de propostas de regulación do sistema de caixas de aforro en Galiza.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: