Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Malia que o fala o 90% dos veciños

Aragón rexeita oficializar o catalán na Franja

A presión do PP e do PAR déixaa en "lingua histórica" e evita compromisos de apoio a esta lingua nun territorio maioritariamente catalán-falante.

Redacción - 12:15 04/08/2009

Os lingüistas non teñen dúbidas de que o que se fala no Aragón oriental, a chamada Franja, é catalán. Mais para o Partido Popular (PP) e para o Partido Aragonés (PAR) non valen os argumentos científicos neste asunto e, independentemente da opinión dos expertos, teiman en rexeitar que tal realidade quede explicitada na lei de linguas da comunidade aragonesa. É máis, PP e PAR consideran que avanzar nese camiño supón a "imposición" do catalán fronte ao que eles cualifican de "modalidades lingüísticas" autóctonas.

"Desde o máximo respecto e cariño a Cataluña, o catalán non é unha lingua propia e histórica de Aragón, e eu non podo ir á casa dos outros a dicirlles como deben falar", afirma José Luís Moret, alcalde de Fraga e deputado autonómico do PP, en declaracións a El Periódico de Catalunya. A teimosía fronte ao asunto de PP e PAR mantense de costas á realidade de que unha ampla maioría dos 65 mil habitantes desta área non só falan en catalán correctamente, senón que en moitas ocasións usan preferentemente os hospitais e escolas da veciña Cataluña.

Así e todo, e malia que a nova lei reduce a "lingua histórica" o catalán nesta zona e renuncia á cooficialidade, desde o PSOE, formación gobernante en Aragón, son optimistas ao respecto do novo marco legal. Sinalan que se vai ofertar de xeito optativo en escolas da Franja, que se farán publicacións bilingües e que se permitirá o seu uso na administración aos cidadáns, aínda que non ao funcionariado, xa que a tramitación oficial das respostas debera ser sempre en castelán. Desde os colectivos aragoneses en defensa do catalán advirten de que a lingua está en perigo. "A mellor medida para protexela sería facela cooficial", reclama, no mesmo xornal, José Miguel Gracia, presidente da Associació Cultural del Matarranya.

Recomendámoslles tamén o editorial de El Periódico sobre este tema: Aragón frea o catalán


3,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: