Por cuarto mes consecutivo, Galiza rexistra un descenso do número de desempregados, converténdose na comunidade onde máis baixou o paro.
Galiza é a comunidade onde máis baixou o paro este último mes
As contratacións estivais, os efectos dos plans estimulados pola administración... Xullo volveu ser un mes positivo para o mercado de traballo e as estatísticas dánlle un respiro ás cifras do desemprego. Así o revelan os datos ofrecidos este martes polo Ministerio de Traballo, que poñen de manifesto o cuarto mes de contención do paro en Galiza.
O número de desempregados rexistrados nas oficinas do Instituto Nacional de Emprego (Inem) baixou en 7.381 persoas en xullo, con respecto a xuño, é dicir, unha caída do 3,7%. Segundo estas cifras, no último mes atoparon traballo uns 238 galegos por día. Así, son 192.859 os galegos que están anotados nas listas do paro. Galiza lidera ademais a caída do desemprego a nivel estatal, xa que é a comunidade onde o descenso foi maior: no Estado Español o número deparados baixou nun 0,6% (20.794 persoas).
Malia os catro últimos descensos mensuais, nos últimos doce meses o número de desempregados aumentou en 43.541 persoas con respecto a xullo de 2008 (1.117.179 en todo o Estado), o que supón unha subida do 29,16% (no Estado, 46,03%).
Por provincias
Con respecto ao mes anterior foi Lugo a provincia na que baixou máis o número de desempregados, con 881 persoas que atoparon traballo en xullo (-4,90%). Séguelle Pontevedra, con 3.073 persoas que abandonaron as listas do paro (-3,91%); Ourense, con 861 parados menos (-3,82%); e A Coruña, con 2.566 traballadores máis (-3,16%).
Por sectores
Segundo a ocupación, os servizos encabezaron a baixada do paro, con 4.797 desempregados menos que en xuño. Séguelle a industria (con 2.495 menos), a agricultura (2.447), e a construción (1.757). Porén, no Estado, a construción tivo un papel importante no descenso do desemprego, o máis destacado logo dos servizos.