Máis de tres horas de rock lles concedeu o Boss aos seareiros. A cruz da xornada, o caos organizativo que deixou fóra xente con entrada.
Comezou coa Rianxeira a ritmo do acordeón de Nils Lofgren e rematou con Born in the USA. Polo medio todos os clásicos imprescindíbeis do "Xefe" e algún agasallo extra en forma de versión, como foi o caso do Born to be wild dos Steppenwolf. Logo do toque galaico para enganchar un público entregado de antemán, o primeiro hit springstiniano foi Badlands.
Na porta dos 60 anos de idade, o Bruce tivo o momento avó cantando mesmo uns compases do Waiting on a sunny day cunha meniña no colo de súa nai. Posteriormente, e antes de regalar varios extras, ergueu un cartaz onde un seareiro lle felicitaba o aniversario e guindouse de costas no escenario ao son da batería. O músico estadounidense espremeu suor e música axitando as canelas dos afeccionados e a e Street Band asinou un bo peche para a xira europea sen apuntar cansazo.
Foron arredor de 40 mil persoas no Monte do Gozo, e a sombra da xornada foi xustamente o caos organizativo no que se converteu o lugar cando, completo o aforo do recinto, quedaba aínda un elevado número de persoas por entrar. Logo de tensos momentos, que incluíron berros e asubíos dos milleiros de persoas que estaban á porta cando comezou o concerto, a lea rematou cun feixe de afectados camiño de comisaría a poñeren denuncia polo acontecido.