Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O futuro da industria musical do país (II)

Probar antes de comprar, o mellor xeito de dar a coñecer a música

As persoas consultadas ven posíbel compatibilizar as licenzas copyright cos dereitos de autor e as descargas na rede coa retribución dos autores.

M. del Río - 09:30 05/08/2009

Compatibilizar o acceso do público á cultura e permitir que os autores poidan gañar a vida facendo música é un dos principais problemas aos que se enfrontan diferentes gobernos, que optaron por solucións ás veces opostas e que non sempre satisfán as dúas partes. O xurdimento das licenzas copyleft, por outra banda, facilitou que os artistas poidan distribuír a súa música dun xeito libre sen renunciar á súa autoría.

Para Sergio Lago, de Falcatruada, "é outro debate eterno". "Hai moitos intereses arredor dos dereitos de autor, con posicións encontradas", asegura. Pero, engade, non hai que caer nos dous estereotipos, o do "señor malo da SGAE" e o do "defensor á ultranza da cultura libre", porque "hai unha grande escala de grises". As licenzas copyleft e Creative Commons permiten protexer os dereitos "cunha flexibilidade maior". Os dous modelos son compatíbeis e "calquera pode escoller como explotar as súas creacións", aínda que "se cadra, as entidades de xestión estanse a aferrar a un modelo difícil de xestionar, tal e como son os gustos da xente que escoita música".

Quique Costas, de Nordesía, cre que "non só creo que sexan compatíbeis, senón complementarias" as licenzas copyleft e o copyright. Como exemplo, puxo o caso dun produto que van lanzar ao mercado, que "terá unha parte copyleft con descarga libre" que comparou coa "distribución de mostras gratuítas, para que o público avalíe o produto". Para Costas, cada autor ten que "buscar o que lle resulte máis beneficioso: un artista pode regalar temas e facer concertos, mentres que outros prefiren vender discos, e tamén hai situacións intermedias".

Dende A Regueifa, Noel Feáns pensa que "de feito unha licenza libre pode ser aínda máis restritiva que o copyright tradicional se o autor quere". Considera que "O clásico 'All rights reserved' é un suicidio artístico e comercial nos tempos que corren" e aposta por poñer a música a disposición do público potencial para poderse dar a coñecer e que a xente vaia aos concertos.

Outro dos temas máis polémicos é o intercambio de arquivos, ou P2P, que permite acceder de balde a numerosos contidos, entre eles a música, con ou sen a autorización dos seus autores. Algúns estados europeos optaron por prohibilo, mesmo con condenas moi duras, mentres no Estado Español é perfectamente legal, se se fai sen ánimo de lucro.

Sergio Lago propón un modelo como o de Spotify, "unha alternativa que ofreza o mesmo cun modelo de negocio sustentábel", mellor que o debate sobre prohibir ou regular a descarga de arquivos. É mellor un "modelo alternativo que dicirlle á xente que o que está a facer está mal", polo que haise que esforzar para que "a xente do século XXI poida acceder á cultura" e, asemade, "que autores e produtores poidan recibir unha retribución polos seus contidos".

Quique Costas opina que "non se pode andar perseguindo a xente nin tampouco dicir que todo vale", polo que "todo debe regularse". Tamén hai graos: "Non é o mesmo que compartas un arquivo cuns amigos que que o fagas con cinco mil persoas". Defendeu o dereito dos autores que non son intérpretes de recibir unha compensación polo seu traballo, aínda que "non esa voracidade da SGAE, que pretende cobrarnos por respirar". Ao seu entender, "a situación actual no Estado Español non é de sentido común, nin a dos EUA", onde se impoñen fortes multas por compartir arquivos.

Segundo Noel Feáns, "o P2P non foi preocupante até que os proveedores se deron conta de que podían vender todo o que se distribuía no P2P, esa é a clave". Segundo o responsábel da plataforma A Regueifa, esa 'limpeza' de contidos que se está a facer no P2P e na descarga directa ten detrás o interese dos provedores de internet, que "están preparando o mercado para vender absolutamente todo, dende series a discos, tanto en descarga coma en streaming". Pensa que precisamente o streaming, máis difícil de filtrar, vai ser "o verdadeiro inimigo desa nova industria online e non a descarga tal como a coñecemos".

Para superar a crise, ou esta transición, que atravesa o sector musical, o director de Falcatruada propón que o sector tente desprenderse da dependencia que ten das administracións públicas, porque aínda que haxa crise económica non a hai de creatividade. A industria terá que "buscar outro tipo de vías", ou que sexan as institucións as que revisen o seu papel "sen esquecer a súa responsabilidade con respecto a facilitar o acceso á cultura".

O responsábel de Nordesía Producións cre que a clave está en "que se reactive o financiamento, que os bancos están a empregar as axudas públicas que recibiron en tapar buratos" e non en aliviar a situación do mercado. Por outra banda, e preciso "que a nosa industria reflexione, que faga cambios profundos, e que se redimensione", no sentido de que "quizais sobren empresas. En Galiza non pode haber moitas empresas pequenas que se dedican ao mesmo", o que desemboca nunha situación de "minifundio". Por último, avoga por que "as administracións públicas reformulen tamén o seu papel", e se eviten situacións de "cachés disparatados" que a longo prazo están a facer "inviábel a organización de concertos".

Para Noel Feáns, "esta 'crise' non é mais que a fin dun modelo de negocio que chega ao seu fin e o que non se reconverta morrerá con el. Non hai cartos públicos que poidan salvalo, só alongar innecesariamente a súa agonía". Segundo el, "as novas xeracións non saben o que é mercar un disco nin queren sabelo, non hai futuro por ese lado, o negocio está noutro lugar o que non vaia cara aí desaparecerá".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: