O sábado faremos públicas as últimas pezas recibidas en A Polo Ghit, unha decena máis de cancións candidatas a seren as mellores deste verán.
Este mércores rematou o prazo de recepción de temas para A Polo Ghit 2009. Como é habitual, este sábado presentarase as pezas novas. Neste caso, unha decena que chegaron durante esta semana á nosa caixa de correo a tempo para participar no concurso. Serán, en total, case 60 as cancións que aspiran a ser a melodía do verán galego.
Pero temos tamén unha novidade. Para compensar os participantes que chegaron ao final, e que teñan máis tempo de recibir votos, imos alongar unha semana o prazo de votacións. Así, a posibilidade de deixar os vosos votos e opinións na web de A Polo Ghit seguirá aberta até o 12 de agosto. Os 10 finalistas coñeceranse ese sábado, o 15 de agosto, e non o día 8, como estaba previsto nun principio.
Seguen invariábeis as datas para a votación final, que se reducirá, deste xeito, a unha soa semana. Rematará o 19 de agosto. Os vencedores, tanto do premio do xurado como do público, daranse a coñecer o sábado 22 de agosto.