Viñetas desde o Atlántico contará na súa 12ª edición cos autores galegos Emma Ríos e Álex Cal.
Imaxe da presentación, co cartel deste ano ao fondo / Andy Pérez
A edición número 12 de Viñetas desde o Atlántico, o salón internacional de banda deseñada da Coruña, estará dedicado este ano ao comic book estadounidense. O evento, que terá lugar do 10 ao 16 de agosto, tamén contará coa presenza de autores como Vittorio Giardino, André Juillard ou Posy Simmonds.
O programa deste ano complétase con Pasqual Ferry; José Fonollosa, que amosará os orixinais da súa obra A viaxe de Darwin no Aquarium, e Enrique Vegas. En representación da ilustración galega participarán a arousá Emma Ríos e o vigués Álex Cal, que triunfan no mercado estadounidense.
Desta vez asistirá Paco Roca, autor de Arrugas, que o ano pasado non puido acudir á súa cita na Coruña, cando se expuxeron os orixinais do seu álbum.
O blog oficial do encontro inclúe as biografías dos autores convidados e a localización das diferentes exposicións.