O disco "La Colifata", realizado en colaboración cos internos do Hospital Psiquiátrico José Borda, de Bos Aires, ofrece 20 temas que convidan a "rir, chorar e meditar".
Hai xa dous anos, durante a promoción de Manu Chao por Arxentina do seu disco La Radiolina, o cantante aproveitou o seu tempo libre para participar en Radio La Colifata, a emisora de radio da unidade psiquiátrica do Hospital Borda, en Bos Aires. Agora, a páxina web desta innovadora canle radiofónica ofrece o disco destas gravacións, xunto coas cancións de Chao a un prezo que dependerá da vontade dos internautas. Así, o público poderá pagar o que desexe ou mesmo descargar de balde todo o traballo discográfico.
"20 temas para rir, para chorar, para meditar... sobre a vida, a morte, as nais, a soidade, o amor, o tanto, o Papa de Roma, Nerón, a fin do mundo, o sol e máis vellas tolas... Unha viaxe tola neste mundo de tolos, os de fóra e os de dentro, todos envorcándose no mesmo melao... Unha viaxe que cada un pode descargar gratuitamente para levalo para a súa casa ou coche". Así explica a páxina de La Colifata o contido do último disco de Chao.
La Colifata, unha radio diferente
É a primeira emisora do mundo feita polos internos dun hospital psiquiátrico. Promovida en 1991 polo psicólogo Alfredo Olivera para dar aos seus pacientes a posibilidade "volver a ser protagonistas das súas palabras", permitiulles entrar en contacto coa sociedade mentres avanzaban na súa melloría clínica, loitando contra a exclusión e contra o estigma social da loucura.
Os seus residentes, chamados os "colifatos" xa apareceran no vídeo musical doutra canción de Manu Chao, "Rainin in Paradize", cando o cantante tomou contacto con esta experiencia, que lle deixou pegada.