Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Estatística do INE

Só estremeños e canarios teñen soldos medios máis baixos

O salario medio dos galegos en 2008 quedou en 18.756 euros, o terceiro máis pequeno do Estado.

Redacción - 19:25 28/07/2009
Tags: INE salarios

O soldo medio dos traballadores en Galiza en 2008 foi de 18.756,01 euros, o que supón un aumento dun 4,9% respecto ao salario anual do ano anterior, pero segue sendo o terceiro máis baixo de todo o Estado, segundo a Enquisa Anual de Custo Laboral do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Así, só os salarios medios en Estremadura o ano pasado, con 17.951,19 euros anuais, e en Canarias, con 18.288,60 euros, foron máis baixos que o percibido polos galegos, aínda que os traballadores de ambas as dúas comunidades experimentaron aumentos porcentuais maiores, do 6,9% e do 6,1%, respectivamente. Desta forma, o salario medio dos galegos situouse o ano pasado 2.882,85 euros por debaixo do soldo medio no ámbito estatal, que se elevou a 21.638,86 euros anuais.

O custo neto que tiveron que pagar as empresas galegas por cada traballador en 2008 ascendeu a 25.539,9 euros, un 4,7% máis que no ano precedente, mentres que no ámbito estatal ascendeu a 29.363,5 euros, un 5,2% máis que en 2007. En consonancia cos salarios, o custo neto que as empresas de Galiza tiveron que pagar por cada empregado o ano pasado tamén foi o terceiro máis baixo de todo o Estado, e só foi máis elevado que o que aboaron as compañías estremeñas (24.382,61 euros) e as canarias (25.153,51 euros). Non obstante, o custo neto en Estremadura elevouse un 6,8% cento o ano pasado e en Canarias un 5,9%, mentres que Galiza rexistrou un dos menores aumentos, do 4,7%, só maior que o experimentado por Navarra (+3%), Aragón (+3,5%), Castela e León (+4,2%) e Cataluña (+4,6%).

Con subvencións
Se se teñen en conta as subvencións e deducións públicas, o custo laboral bruto por traballador en Galiza alcanzou en 2008 os 25.798,26 euros, mentres que no conxunto do Estado español se elevou 29.610,14 euros, cun incremento interanual do 5,1% respecto ao exercicio 2007. O 72,7% deste custo bruto en Galiza constituírono soldos e salarios, por un importe de 18.756,01 euros por traballador, mentres que as cotizacións á Seguridade Social supuxeron o 23% do total, ata 5.954,46 euros.

Por sectores, a industria rexistrou o maior custo neto por traballador en 2008, con 32.892,09 euros, se ben experimentou o menor incremento interanual, cun avance do 4,9%. Pola súa banda, o sector da construción experimentou o maior crecemento do custo neto, cun 6,4%, ata 28.913,3 euros por traballador, con especial incidencia do custo salarial, que repuntó un 6,5%, porcentaxe superior ao crecemento rexistrado polos custos non salariais, que foi do 6%. Na construción as indemnizacións por fin de contrato e os pagamentos compensatorios elevaron os outros custos derivados do traballo, se ben foi o sector que presentou menores custos por despedimento. No caso do sector servizos, o incremento do custo neto por traballador foi do 5,1%, ata se situar en 27.864,8 euros por traballador. Neste sector, tanto os custos salariais como os non salariais experimentaron a mesma variación, un repunte do 5,1% en ambos os dous casos.

A hostalaría, actividade con menores custos
Analizando a nova clasificación de actividades económicas, o INE observa diferenzas "notábeis" nos custos laborais por traballador das distintas actividades, con rexistros que oscilan entre os 19.041,45 euros anuais brutos dos traballadores da hostalaría, ata os máis de 55 mil euros por traballadores nas seccións enerxéticas e financeiras.

De feito, as actividades de enerxía e finanzas destacaron por ser as que maiores soldos e salarios pagaron aos seus traballadores e as que asumiron un maior custo en beneficios sociais para os seus empregados, así como as que máis diñeiro investiron na súa formación.

A construción, pola súa banda, presentou un maior peso das cotizacións obrigatorias á Seguridade Social sobre o custo total, mentres que as indemnizacións por despedimento implicaron maiores custos para a industria enerxética, fronte a educación e Administración Pública, os custos da cal por despedimento foron moi inferiores á media. As empresas de maior tamaño (200 e máis empregados) pagaron maiores soldos por traballador que as empresas pequenas e medianas. En concreto, as grandes empresas aboaron en soldos e salarios un total de 27.164,14 euros por traballador, fronte aos 17.954,49 euros das pequenas (de 1 a 49 empregados), e aos 23.044,94 euros das medianas (50 a 199 traballadores).


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: