A versión catalá do buscador de e-libros inclúe máis de 35 mil obras da Biblioteca Nacional que foron dixitalizadas.
O conseller de Cultura, Joan Manuel Tresserras, a directora da Biblioteca Nacional de Catalunya, Dolors Lamarca e Luís Collado, responsábel de Google Llibres, presentaron Google Llibres, a versión en catalán de Googles Books, o buscador de libros dixitais. No acto tamén se informou do proceso de dixitalización dos fondos da biblioteca, que xa chegou aos 35 mil volumes electrónicos. Collado anunciou, así mesmo, que Google chegou xa aos dez millóns de libros dixitalizados en todo o mundo.
Agora comezarán os traballos de dixitalización dos fondos das bibliotecas do Mosteiro de Montserrat, do Ateneo de Barcelona, do Centro Excursionista de Catalunya e do Seminario de Barcelona. Todos os libros dixitalizados, segundo o acordo asinado con Google, están exentos de dereitos de autor.
Os libros galegos van avanzando na súa presenza na rede, como se puido ver nos exitosos acordos aos que Google chegou con Galaxia, por exemplo, ou coa Universidade de Santiago.