A Xunta fixa 12 millóns de euros en axudas directas no Plan Lácteo 2009-15, nun conxunto de medidas afastadas dos 7.500 euros por granxa que pedía o sector.
O goberno destinará un total de 12 millóns de euros a axudas directas e inmediatas ás explotacións leiteiras con máis dificultades e que precisan dun "maior esforzo financeiro e que, polo tanto están atravesando peores momentos". Esta medida, que podería ampliarse "en función das necesidades do sector" e que se definirá "a partir da vindeira semana coas organizacións agrarias", foi aprobada este xoves no Consello da Xunta e súmase a outras axudas que integran o chamado Plan Estratéxico Lácteo de Galiza 2009-2015.
Un sector sen vertebración sectorial
Este plan estratéxico obedece, en primeiro lugar, a unha análise sobre a actual situación do sector gandeiro, que o presidente do goberno cualificou como "preocupante". As principais conclusións do estudo debuxan unha realidade que presenta "unha escasa dimensión das explotacións, dispersión xeográfica e elevados custos de produción; un limitado potencial de xeración de rendas; unha falta de adecuación ás necesidades do sector da estrutura industrial instalada en Galiza; excesiva rixidez da cadea de valor do sector do leite líquido envasado ou dependencia de factores e decisións que non dependen do proio sector lácteo galego".
Para paliar a crise que atravesa o sector, o goberno ofrece medias de choque, a curto e a medio prazo, así como iniciativas vecelladas á regulación dos mercados.
Medidas de choque inmediatas
Ademais das axudas directas a aquelas explotacións en peor situación, entre as medidas a curto prazo que contempla o plan atópase a convocatoria dunha liña de axudas para incentivar a rebaixa dos custes de produción nas explotacións, que fixará como prioridades "a maximización do uso de recursos propios" así como a redución de gastos de enerxía e a substitución das enerxías tradicionais por renovábeis. Esta liña, estará dotada con 6,1 millóns de euros e fará posíbel, segundo a Xunta, financiar entre o 50 e o 70% dos gastos.
Estas novas medidas súmanse ás que o executivo xa dera a coñecer nos pasados meses, que tamén se integran neste Plan Estratéxico. Entre elas, o adianto do pagamento das axudas directas da Política Agraria Común (PAC) para as explotacións lácteas por importe de 70 millóns de euros ou a xestión do anticipo de determinadas axudas que inciden de xeito directo sobre explotacións lácteas.
Asemade, Feijoo adiantou que prevé habilitar un programa de apoio ao circulante para explotacións leiteiras mediante convenio co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), destinado a titulares de explotacións produtoras de leite en proceso de reestruturación e cooperativas.
A medio prazo
O Plan Estratéxico formulado polo goberno contén tres liñas básicas de actuación a medio prazo: a mellora da competitividade das explotacións; da industria láctea e a regulación dos mercados. A Xunta adianta que apostará por "aumentar a base territorial das granxas" e a súa diversificación. Asemade fomentarase o "redimensionamento da industria, apostando pola inversión en I+D+I para novos produtos, para o que se investirán 40 millóns até o 2015. Ademais, o documento fala de conceder "apoio prioritario" aos proxectos industriais baseados na diversificación da produción.
Medio Rural tamén impulsará a "reordenación dos sistemas loxísticos de recollida de leite", para reducir o número de compradores, comercializadores ou a súa integración nunha estrutura superior. O obxectivo é "racionalizar a recollida e que se supriman os custos de transporte innecesarios".
Regular os mercados
Finalmente, a Xunta fala de "potenciar as relacións interprofesionais e a imaxe do leite e dos produtores lácteos de Galiza". Asegura que se apoiará no funcionamento da Interprofesional Láctea (INLAC), como ferramenta fundamental para ordenar o sector, con accións a prol da consolidación dos seus acordos ou á implantación do contrato homologado.
Así, avoga pola creación dun Sistema Integral de Información Sectorial Láctea e dun sistema de vixilancia de prezos en lineais de venda, así como a análise comparada de calidades de marcas de produtos lácteos significativos. Tamén fala da elaboración dunha guía de boas prácticas produción-industria-distribución ou da revisión das cadeas de valor dos produtos lácteos.