En 1926 Greene escribiu cinco capítulos de 'The empty chair', que agora se publicarán de novo, á espera de que alguén lle dea un final.
A revista The Strand Magazine está publicando por entregas unha novela inacabada de Graham Greene, The Empty Chair, da que o autor escribiu cinco capítulos en 1926, cando apenas tiña 22 anos, e que deixou inacabada. Conta a historia dun asasinato misterioso, que Greene deixou sen resolver, e agora a publicación convida aos seus lectores a darlle un final.
A obra aproxímase ás historias de misteriosos asasinatos cometidos en casas de campo típicos de Agatha Christie. Mais "a historia de Graham Greene ten unha reviravolta única", conta Andrew Gulli, editor de The Strand Magazine, unha publicación especializada en historias de misterio e na novela negra. O texto foi descoberto o ano pasado por François Gallix, estudoso das obras de Greene, no Centro de Humanidades na Universidade do Texas.