As especies mariñas europeas perderon a metade da súa masa corporal nos últimos decenios por mor do quencemento do mar.
Nas augas europeas, os peixes son cada vez máis pequenos
Que as augas cálidas están habitadas xeralmente por especies máis pequenas era algo que xa se sabía. Mais agora, os investigadores do instituto francés Cemagref, especializados na xestión sostíbel dos recursos, conclúen que os cambios no clima están a provocar, en si mesmos, cambios nos fluxos migratorios e nos hábitos de reprodución dos peixes. En conclusión, a mudanza climática está a orixinar un impacto enorme na propia masa corporal das especies mariñas, cada vez máis pequenas.
Segundo a súa investigación, publicada na revista "Proceedings of the National Academy of Sciences", os diferentes peixes perderon, de media, un 50% da súa masa corporal no transcurso dos 20 a 30 últimos anos, e que a masa total dos peixes actuais en augas europeas baixou un 60%.
As especies son, cada vez, máis pequenas e, á súa vez, poñen menos ovos. Logo, son presas máis pequenas para os seus predadores, entre eles os humanos, o cal tamén ten graves consecuencias para a cadea alimenticia e para o ecosistema. Malia que a sobreexplotación dos recursos ten un importante impacto na diminución do tamaño dos peixes, os investigadores alertan agora que este non é o único condicionante, senón que a temperatura das augas xoga un papel incluso maior nestes cambios.