Colectivos dedicados á recuperación e á divulgación da memoria histórica xuntáronse este sábado na illa de San Simón para intercambiar as súas experiencias e iniciar unha coordinación e colaboración mutua a prol da dignificación das persoas que sufriron represalias durante o franquismo.
Á cita asistiron representantes de colectivos de todo o país, máis da Fundación Illa de San Simón e da Asociación de Vítimas de Mathaussen. Segundo explicou o presidente do
Comité para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Rubén Afonso Lobato, fíxose unha valoración sobre a situación dos diferentes colectivos co cambio de Goberno.
Unha das propostas foi incidir máis nas homenaxes ás persoas que sufriron represalias ca centrarse nas exhumacións. Preténdese "que se faga ver que houbo xente con familia que morreu por ter unhas ideas diferentes ás do réxime", e que se "dignifiquen esas persoas que tiñan nomes e apelidos".
Aínda que cada un dos colectivos ten a súa autonomía local, pretendeuse que este encontro sentase as bases para unha coordinación a nivel nacional. Para iso, a comezos de setembro haberá unha xuntanza con representantes de todas as rexións de Galiza, para o que xa se creou unha mini-comisión que elaborará a orde do día.
Con respecto ao Goberno, amosaron a súa preocupación polo feito de que deixase de lado os temas relacionados coa memoria histórica. Así, tentarán potenciar o valor da illa de San Simón como centro da memoria. Lobato afirmou que a Fundación xa non lle di á xente que alí houbo un campo de concentración, "como se alí non pasase nada", polo que os colectivos pedirán que se organicen visitas para que se lles dea a coñecer ás novas xeracións o que alí aconteceu: xente detida por ter unhas ideas diferentes.