No mes de maio reduciuse o emprego no sector terciario un 3,4 por cento, fronte á media española do 6,7. Tamén decreceron as vendas.
Galiza foi a comunidade autónoma onde menos aumentou o paro no sector servizos durante o mes de maio, co 3,4 por cento, segundo os datos provisionais publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Tamén as vendas neste sector sufriron un importante descenso.
Todo o Estado Español rexistrou caídas interanuais das súas vendas durante o mes de maio. A media foi dun descenso do 19,3 por cento respecto ao mes de 2008, e un 6,7 por cento de descenso no emprego, segundo os mesmos datos provisionais. O INE precisou que, eliminado o efecto calendario, a facturación do sector contraeuse un 18,4 por cento no quinto mes do ano.
Desta forma, xa son 13 os meses consecutivos nos que o sector servizos reduce as súas vendas, aínda que en abril fíxoo de forma máis acusada, ao caer un 20,1 por cento. Pola súa banda, o emprego no sector servizos acumula, co de maio, 11 meses de descensos, confirmando así os efectos negativos que está a ter a crise económica sobre este sector de actividade.