Nun trimestre no que os mercados reduciron máis dun 3% os seus prezos, só A Rioxa sae máis económica para mercar os produtos de consumo diario.
Facer a compra en Galiza pode saír até un 15% máis barato que facelo por exemplo en Eukadi. Este é un dos datos que se pode extraer do informe do segundo trimestre do ano do Observatorio de Prezos de alimentación e droguería que elabora o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. Só na Rioxa podemos encher o cesto da compra pagando un pouco menos e, logo de Galiza, a lista das máis económicas complétana Castela e León, Aragón ou Ceuta. Entre as máis caras, Euskadi, Valencia, Navarra e Melilla.
Alimentación envasada e bebidas
Se comparamos os prezos dunha compra estándar de alimentación envasada, as diferencias no Estado Español chegan até o 9%. Neste caso, Galiza ocupa o cuarto lugar entre as máis baratas, superada por Murcia, Cantabria e A Rioxa. As máis caras volven ser Euskadi, Navarra, Valencia e Melilla.
No caso das bebidas, Galiza volve ser a cuarta entre as máis económicas, superada por Ceuta, Cantabria e Murcia. As máis caras son as Illas Canarias, Baleares, Asturias e Euskadi.
Galiza, a máis barata para os lácteos
No conxunto da cesta da compra, os galegos pagamos os prezos máis baratos de todo o Estado polos lácteos, os queixos e os ovos. Séguenlle na listaxe Estremadura, Aragón e Castela e León. Unha vez máis, os prezos máis caros son os de Baleares, Ceuta e Cantabria.
Vigo, entre as cidades máis económicas do Estado
Logo de Ávila e Salamanca, a cidade olívica é a terceira máis barata para comprar alimentos. Os produtos envasados son un dos puntos fortes da cidade, xa que lidera esta clasificación. No que se refire á carne, a cidade máis barata é Ourense, aínda que o seguinte posto o volve a ocupar Vigo, co sexto mellor rexistro a nivel estatal.
Finalmente, no caso do peixe, a que mellores prezos ofrece é Lugo, en décimo segundo lugar. Despois, Ourense ocupa o décimo cuarto e Vigo o décimo oitavo. Finalmente, se falamos de produtos de droguería, A Coruña é a cidade galega máis adsequibel (ocupa o quinto rexistro a nivel estatal), Lugo é a décima e Pontevedra a décimo primeira.