Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
OPINIÓN

A dobre moral dos medios

O autor analiza as novas dedicadas a Chávez e Venezuela desde a parcializada prensa española que hai moitos anos confundiu opinión con información.

Vicenç Navarro, Público - 10:51 16/07/2009

"Un dos maiores problemas que ten a democracia española é a moi limitada diversidade ideolóxica que existe nos medios de información de maior tiraxe do país. E iso é fácil de demostrar. Se ollamos, por exemplo, o número de artigos críticos verbo o presidente Chávez e o seu Goberno en Venezuela que se escribiron nos últimos doce meses nos cinco xornais de maior difusión en España, vemos que se publicaron nada menos que 72."

Se procuramos, en cambio, artigos favorábeis ao presidente Chávez ou ao seu Goberno, non atoparán nin un (si, len ben, nin un). Esta falta de diversidade contrasta coa existente no país criticado –Venezuela–, onde poden lerse, na prensa venezuelana de maior tiraxe, artigos críticos do presidente e do seu Goberno, así como artigos favorábeis. O mesmo acontece nos media televisivos. En realidade é moito máis fácil encontrar artigos críticos sobre Chávez nos maiores media venezuelanos, que favorábeis a tal dirixente venezuelano nos medios de maior difusión en España. De tal feito, facilmente contrastábel, pode deducirse que hai maior diversidade ideolóxica e liberdade de prensa en Venezuela que en España. Por mera coerencia ideolóxica, un esperaría que as mesmas voces liberais que están alarmadas polo que consideran como un perigo para a democracia venezuelana –la diminución de voces críticas naquel país– estarían escribindo artigos críticos da extraordinaria limitación á diversidade ideolóxica que existe en España. Pois non, permanecen calados. En realidade, son os mesmos autores e editorialistas que denuncian alarmados a situación de Venezuela (preocupados polas limitacións democráticas nos medios daquel país), os que son responsábeis da falta de diversidade ideolóxica no noso. A dobre moral daqueles medios, no seu suposto compromiso coa liberdade de expresión, é notoria e facilmente demostrábel.

Este asfixiante sesgo daqueles medios de información e persuasión liberal ten dúas consecuencias. Unha delas é que constantemente se está provendo opinión coma se fóra información, a cal se converte rapidamente na sabedoría convencional do momento, ao non poder ser contrastada con pontos críticos, que son excluídos de tales medios. Así, o colaborador de El País Antonio Elorza escribía un artigo titulado “Eclipse de la democracia ”(27-02-09) no que, ademais de homologar a Hugo Chávez e a Evo Morales con Berlusconi, sinalaba “o caos da política económica levada a cabo polo Goberno de Chávez” sen citar ningún dato ou referencia que avalase tal conclusión. En realidade, a evidencia empírica publicada por institucións que gozan de alta credibilidade como o prestixioso Center for Economic and Policy Research de Washington, ou a Comisión Económica das Nacións Unidas para América Latina e o Caribe, non apoian tal opinión. O Goberno de Chávez foi un dos poucos gobernos que conseguiu sobrepasar o obxectivo do programa de Desenvolvemento Humano das Nacións Unidas (de reducir a pobreza extrema á metade), diminuíndoa dun 25% da poboación no ano 2003 a un 7,6% no 2007. Foi tamén un dos países de América Latina que: 1) reduciu máis as desigualdades e o desemprego; 2) acrescentou máis o número de beneficiarios da Seguridade Social, dobrándoo; 3) reduciu a súa débeda pública máis extensamente, pasando dun 30% do PIB a un 14%; e 4) tivo unha maior medra económica, unha taxa termo meio do 10,4% durante os últimos 20 trimestres, aumentando o seu PIB de 99.000 millóns de dólares no 1999 a 227.000 no 2007.

Nengún destes dados apareceu naqueles medios, onde a demonización de Chávez é unha constante. De aí a sorprendente noticia de que, segundo unha enquisa recente do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), Chávez é o dirixente internacional menos valorado pola poboación en España, menos incluso que o presidente Bush de EUA, valoración negativa que foi amplamente citada por tales medios. Non se citou, en cambio, que segundo a mesma enquisa realizada na maioría de países de América Latina, a poboación venezuelana era a que indicaba, en maiores porcentaxes naquel continente, que “o seu Goberno actuaba para o ben da poboación ”, e que expresaba maior satisfacción coa situación económica e social do país. E era o segundo país de América Latina que cría que “a democracia funcionaba ben no seu país”.

Tal negativismo cara a Chávez contrasta co positivismo cara ao presidente Uribe de Colombia, un dos gobernos de América Latina onde os dereitos humanos son máis vulnerados. O Goberno utiliza a súa campaña contra a guerrilla para reprimir ás forzas de esquerda, incluíndo partidos políticos, sindicatos e movementos sociais que non teñen nengunha relación coa guerrilla. O 60% dos sindicalistas asasinados no mundo son en Colombia, tal como documentou a Confederación Sindical Internacional o pasado 10 de xuño en Paris. Só no 2008 foron asasinados 46 dirixentes sindicais. A conexión entre o Goberno e os paramilitares é ben coñecida e documentada, sendo estes últimos coñecidos pola súa campaña de terror contra as forzas progresistas. Moi poucas destas noticias apareceron naqueles medios.

Unha derradeira observación. Este artigo non é sobre Chávez ou sobre Uribe. Non é miña obxectivo nin defender a Chávez (con quen teño acordos e tamén moitos desacordos) nin denunciar a Uribe (labor que outros fixeron, máis elocuentemente do que eu poida facelo). Este artigo é sobre a falta de diversidade ideolóxica nos medios maioritarios do noso país, que debe ofender a calquera persoa demócrata que, independentemente das súas simpatías ou antipatías cara a aqueles dirixentes, debe preocuparlle o que está acontecendo naqueles medios, que son máis de persuasión que de información.

Vicenç Navarro é Catedrático de Ciencias Políticas e Políticas Públicas da Universidade Pompeu Fabra
e profesor de Policy Studies en The Johns Hopkins University


4,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: