Na concentración participaron produtores procedentes de diversos países europeos, entre estes Galiza.
O SLG participou na protesta
Ao redor dun milleiro de gandeiros manifestáronse este martes ante a sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo, coincidindo coa inauguración da lexislatura, para reclamar un recorte das cotas leiteiras de polo menos un 5% para a campaña 2009/2010 co fin de lograr que suban os prezos.
Na concentración participaron produtores procedentes de diversos países europeos, entre estes Galiza, con 80 tractores e algunhas vacas, convocados por dúas das asociacións que agrupa ao sector, a European Milk Board (EMB) e a Coordinadora Europea Vía Campesiña, onde está integrado o SLG. De feito, a súa secretaria de organización, Lida Senra, acudiu á protesta.
Os produtores denuncian que o mercado leiteiro está vivindo unha "situación catastrófica", xa que "os prezos pagados aos produtores, entre 20 e 22 céntimos por litro, están moi por baixo dos custos de produción e ameazan a supervivencia de moitas explotacións".
"A desregulamentación do mercado do leite introducido pola política agrícola común xa fracasou", dixo o EMB nun comunicado. Ambas as dúas asociacións reclamaron como "medida inmediata" un recorte de polo menos un 5% da cota leiteira para forzar unha subida de prezos.