A vindeira semana arranca na Facultade de Historia da USC un curso de verán para achegar todos os aspectos arredor do software aberto.
Do 20 ao 24 de xullo impartirase o primeiro curso de verán organizado pola Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O seu título é "A revolución do Software Libre". Falamos secretario do curso e, asemade, coordinador da oficina, Enrique Estévez Fernández.
Cal é o obxectivo deste curso de verán?
A idea é ofrecer unha panorámica do mundo do Software Libre, centrado en todos os aspectos. Moita xente asocia o Software Libre cos frikis da informática, pero hai moito máis detrás. Hai unha filosofía, unha historia bastante longa e tamén se falará de partes como o Software Libre no ensino, o modelo de negocio, o modelo social e os proxectos máis relevantes que hai agora: Firefox, OpenOffice... que están baseados en Software Libre sen que o saiba a maioría da xente que os usa. Vai ser bastante teórico, pero sen entrar en aspectos técnicos. Verase que está presente en todos os computadores, é o futuro. Os gobernos empezan a impulsalo, porque é a solución máis viábel.
Entón, está dirixido a todos os públicos?
Está dirixido a calquera persoa que teña interese en coñecer o que é o Software Libre, e non se precisan coñecementos previos. Todo será explicado en termos accesíbeis. Pretendemos que saian sabendo o que é o Software Libre, os campos en que actúa e o que hai detrás: unhas comunidades que traballan altruistamente, porque lles gusta, e tamén coa participación de investigadores e de empresas que doan persoal e tempo a prol do Software Libre.
Este tipo de cursos forman parte dos cometidos da Oficina?
A Oficina de Software Libre da USC xurdiu dun convenio entre a Consellaría de Innovación e Industria e as tres universidades galegas, que permitiu a súa creación. A función principal das oficinas é promocionar o Software Libre. Hai un descoñecemento moi grande sobre o tema. O noso obxectivo é dalo a coñecer.
Están a ter éxito no seu obxectivo?
É difícil precisar o éxito da campaña. Somos unha oficina moi pequena, de tres persoas. Temos unha folla de ruta baseada en varios eixes estratéxicos. Un deles é o da formación, que é no que estamos investindo a meirande parte do tempo. Aproveitamos os recursos da USC para ofrecer esa formación. Na Universidade de Verán presentamos varios cursos para achegar o Software Libre. Temos tres cursos, o d'A revolución do Software Libre, un de Introdución a GNU/Linux Ubuntu, eminentemente práctico, e outro sobre Software Libre e Lingüística, que se centrará en aspectos como a localización.