O prazo para enviar imaxes de familiares que estiveron emigrados en Cuba remata o 20 de xullo. O premio: ver de balde o concerto de 'Descarga ao Vivo'.
Xa só queda unha semana para poder gañar unha das dez entradas de balde para os concertos de 'Descarga ao Vivo' que durante este mes se ofrecerán en Vigo, Compostela e A Coruña. O 'Concurso Indiano' chama a todas as persoas que teñan na súa casa imaxes de familiares, veciños ou coñecidos que estiveron emigrados en Cuba a que as envíen. O premio será unha entrada de balde para os recitais que terán lugar o na Coruña o 23 de xullo (Teatro Rosalía) e en Vigo o 30 de xullo (Teatro Caixanova), con entradas xa á venda en Servinova a 12 e 13 euros. Ademais, as fotografías formarán parte dun audiovisual que se proxectará antes de cada un dos tres concertos.
As fotografías deben enviarse a descarga@folque.com até o 20 de xullo. Podes consultar aquí as bases.
Os emigrantes, nas súas travesías cara a unha beira e outra do Atlántico, deixaron pegada, como non. Marcharon a Cuba fuxindo da fame, ou buscando novas oportunidades nunha terra nova. Traballaron, e moito, pero tamén crearon institucións, levaron a súa cultura, mesturáronse cos cubanos e coas culturas que alí convivían e construíron algo novo. Máis adiante, cando volveron a Galiza (houbo quen foi e volveu varias veces, houbo quen nunca regresou) trouxeron moito do que viran e escoitaran, que tivo unha influencia grande na arquitectura, na política, e tamén na música. As rumbas, as habaneras son tan galegas como as muiñeiras e os alalás, pois forman parte da tradición musical do pobo, unha tradición que se cadra só ten un século, pero todas as tradicións naceron nalgún momento. Música galega e música cubana, con fíos que as unen para sempre, os mesmos fíos que unen dous países que quedan, xusto, un fronte ao outro, co océano como ponte.