Entre as críticas: a falta de garantías para que a inxección económica reverta en pemes e familias e a porta aberta para a dirección das fusións desde Madrid.
O Congreso votou esta cuarta feira o real decreto co que define o prometido "roteiro" para o sector financeiro e que achega, de xeito fundamental, o chamado Fondo de Reestruturación Ordenada da Banca (FROB). O FROB reserva de forma inmediata 9 mil millóns para o sector, ampliábeis a 90 mil a curto prazo. Segundo estabelece o documento, o criterio xeral aplicábel para a inxección de cartos nunha entidade será a garantía de solvencia, determinando que antes de botar man do FROB deben valorarse todas as demais posibilidades.
Deste xeito, aquelas entidades que acaben rabuñando diñeiro do FROB, quedarán atadas ás directrices do Banco de España, que deseñará en cada caso o esquema de solucións a aplicar. É xustamente un dos puntos máis polémicos da reforma xa que o Banco de España terá así a decisión última para, por exemplo, a imposición dunha ou outra fusión, incluídas as chamadas fusións interrexionais, que se realizarían entre caixas de aforro de diferentes comunidades autónomas.
No debate do Congreso este mércores, a ministra de Economía e Facenda, Elena Salgado, rexeitou as críticas sobre a invasión competencial aos gobernos autonómicos e insistiu en destacar a "axilidade" e "eficacia" que na súa opinión introduce esta reforma á hora de intervir en favor da solvencia do sistema financeiro. Subliñou Salgado que era este un paso imprescindíbel para garantir a viabilidade de entidades que poderían estar en risco nos próximos meses. Ao agoiro púxolle número o voceiro do PP, o deputado Álvaro Nadal, quen calculou que cando menos "unha trintena" de entidades botará man do FROB a curto prazo, prognóstico que posteriormente rexeitou a ministra.
Ataque ás competencias autonómicas
O voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, debullou as razóns da súa formación política para votar en contra do decreto. Resumiu Jorquera como cuestións fundamentais o perigo de concentración e deslocalización das caixas, o papel "preponderante" outorgado ao Banco de España, a inexistencia dun réxime retributivo para os directivos e a necesidade de maiores garantías sobre os recursos públicos mobilizados.
Insistiu o Bloque en que, a dimensión do proxecto requiriría tramitalo como proxecto de lei coa fin de "poder melloralo" especialmente no relativo ás competencias autonómicas que lle afectan ás caixas de aforros. "Compartimos a necesidade dunha intervención e ordenación pública do sector financeiro no canto dunha sucesión de medidas puntuais e inconexas", concedeu. De seguido, teimou en reprochar a "porta aberta" a unha concentración "excesiva" no sector das caixas, advertindo sobre o perigo da "deslocalización dos centros de decisión das mesmas". Avaliou Jorquera que, dada a natureza fundacional destas entidades, o destino dos seus beneficios a obra social e "o seu deber de contribuíren ao obxectivo xeral de mellorar o grao de desenvolvemento socio económico do territorio onde están", debera terse afrontado esta reforma noutros términos.
Doutra banda, o deputado nacionalista reclamou que se estabelezan garantías para que as entidades de crédito que sexan administradas polo FROB "teñan que reintegrar, segundo obteñan beneficios, o carto público investido na súa capitalización cos conseguintes intereses". "É imprescindíbel que esta intervención vaia acompañada de mecanismos que aseguren que os recursos públicos mobilizados se traduzan en maiores facilidades no acceso ao crédito de pemes, autónomos e particulares", engadiu, censurando que as políticas de intervención no sector poidan traducirse nunha simple "socialización das perdas orixinadas polo sector privado".