A Xunta anuncia que a actual situación orzamentaria aconsella pospoñer a actividade até a primavera e suprimirá todos aqueles elementos que non sexan imprescindíbeis.
As batallas, as conspiracións, os festexos triunfais ao carón do Castelo de Monterrei ou os berros de "Morte aos malfeitores!"... terán que agardar até o 2010. O futuro do Reino de Galiza non se decidirá este ano nunha revolta social tecida ao calor do mes de setembro, senón que terá que agardar até a vindeira primavera. Dende a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado anuncian a decisión de pospoñer o xogo de rol en vivo "Irmandiños: a Revolta", polo que piden desculpas a todos os participantes.
Nun comunicado explican que "os informes dos funcionarios do departamento económico-financeiro non deixan outra alternativa" e subliñan o custe que esta actividade tivo o ano pasado, un total de 163.097 euros. Así, agradecen a boa disposición da entidade que impulsa a iniciativa, 13Negativo, a quen lle solicitaron unha rebaixa no prezo do programa: "indicaron que resulta posíbel reducir considerabelmente os gastos suprimindo todos aqueles elementos que non sexan imprescindibles para a súa organización".
Se ben aínda non hai unha data fixada para a celebración deste gran xogo de rol, no que o ano pasado participaron uns 800 mozos, dende a Consellaría de Traballo, da que depende Xuventude, adiantan que xa se está a traballar no seu programa. Así, explican que están a preparar "un xogo máis potente, máis ambicioso", que contará con financiamento europeo e local "implicando activamente á mocidade portuguesa, ó Eixo Atlántico e ás vilas de Verín, Chaves e Monterrei".
Defínese deste xeito o futuro deste gran xogo, emblema da política nacionalista no goberno, e que estaba no aire. Nos pasados meses, tanto o BNG como Xuventudes Socialistas pedían ao goberno que mantivesen a convocatoria, que valoraban moi positivamente como medio para achegarse de xeito lúdico á historia de Galiza.