Para celebralo organizan esta fin de semana unha gran festa, con Carlos Blanco, Malandrómeda, Mofa e Befa e unha mostra de Antón Iglesias.
O Café Barriga Verde de Lalín cumpre dez anos, convertido nun dos núcleos da cultura na comarca do Deza. Para celebrar este exitoso período 1999-2009, organiza esta fin de semana un amplo conxunto de actividades, que comezará xa o xoves á noite coa inauguración dunha exposición do artista lalinense Antón Iglesias á que lle seguirá unha actuación de Carlos Blanco a partir das 22 horas. Todas as actividades son de balde, agás as actuacións de Blanco e de Mofa e Befa, que terán un prezo de cinco euros.
O venres a sesión será eminentemente musical , coa presentación do videoclip Seguiremos Sendo, de Skarmento. A seguir actuará Malandrómeda e Mamutenmoto Traballadores do Punk-Rock pinchará música até a hora de peche. O sábado será o día grande da celebración, con sesión vermú ao mediodía e, pola noite, a actuación do grupo Ghazafellos, que estreará o seu espectáculo 'Contos para escagarriñarse', seguido de Mofa e Befa.
O Café Barriga Verde está na rúa Matemático Rodríguez, 9, de Lalín.