Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Despois da matanza de 156 civís

Novos enfrontamentos entre o goberno chinés e a comunidade musulmá uigur

Este martes comezaron de novos as manifestacións polas rúas da capital da provincia autónoma de Xinjinag, onde mora esta etnia.

Redacción - 09:00 07/07/2009
Unha imaxe das desfeitas causada polos disturbios, segundo a axencia oficial chinesa Xinhua

Unha imaxe das desfeitas causada polos disturbios, segundo a axencia oficial chinesa Xinhua

Os uigures comezaron este martes de novo as manifestacións na cidade de Urumqi, capital da rexión autónoma chinesa de Xinjiang, onde membros desta minoría étnica musulmá volveron enfrontarse á policía chinesa, dous días despois dos disturbios do domingo, que deixaron un saldo de 156 mortos e 1.080 feridos, segundo datos oficiais do goberno.

A cifra de mortos nos disturbios do domingo pasou do cento e medio, mais tamén houbo máis dun milleiros de persoas detidas -o último informe policial ao que tiveron acceso os medios estranxeiros fala de 1.434. Os uigures denuncian que moitos membros das súas familias foron levados inxustamente e sen motivo, debido a una onda de arrestos arbitrarios emprendida polo goberno do país. Os enfrontamentos entre a comunidade musulmá e a policía chinesa son dos máis violentos que viviu a China dende a matanza de Tiananmen, hai agora 20 anos. Todo comezou cunha protesta pacífica pola morte de dúas persoas.

Protestas pacífica para pedir unha investigación policial
Uns 300 membros da comunidade uigur organizaron a pasada fin de semana un acto de protesta pola asasinato de varios compañeiros nunha fábrica de xoguetes. Os feitos aconteceron o pasado 26 de xuño, xusto despois de que alguén pendurase unha mensaxe nunha web local que sinalaba que seis rapaces de Xinjiang tiñan "violado a dúas rapazas inocentes". No mesmo día, varios empregados chineses atacaron a outros traballadores uigures desta fábrica, situada na provincia de Guangdong (sur da China). Beixín só recoñeceu a morte de dúas persoas no incidente, porén, estes datos varían moito dos que manexa a comunidade uigur no estranxeiro, que sinalan que naquela liorta faleceron, polo menos, 20 persoas.

Ao parecer, e segundo explicou posteriormente a policía, a denuncia era falsa. Porén, a protesta do domingo estaba xa artellada, e a ela fóronse engadindo manifestantes, até superar o milleiro. Cando a policía cargou para dispersalos, comezaron os enfrontamentos que se saldaron coa morte de 156 civís.

As autoridades rexionais culpan ao Congreso Mundial Uigur e ao seu líder, Rebiya Kadeer, das mortes do domingo, pero este grupo no exilio nega rotundamente ter algo a ver coa "protesta pacífica" e acusa as forzas de seguridade chinesas de emprender unha "brutal represión" contra os membros da súa comunidade.

Os 'turcos' da China
Os uigures, comunidade coñecida coma os 'turcos' da China, quedaron á sombra dos tibetanos na expresión internacional da tensión que se vive no país asiático, pero hai moitos anos que o denominado Turquestán Oriental vive unha axitación nacional que se contrapón ao proxecto unificador chinés. Os uigurs son un dos grupos étnicos de orixe turco e viven sobre todo na rexión autónoma chinesa de Xinjiang (nome que significativamente quere dicir 'a nova fronteira'), pero tamén moran nos países veciños e nas grandes cidades chinesas, coma Beixín e Shangai, onde existen auténticos barrios uigures.

A tensión entre os uigures e a poboación chinesa é cada vez máis palpábel. O goberno chinés usou o carácter musulmán da poboación uigur por convencer o mundo occidental da presencia de al-Qaeda naquel territorio; de feito hai uigurs detidos aínda en Guantánamo. Os dous principais movementos da resistencia uigur, o Movemento Islámico do Turquestan e a Organización pola Liberación do Turquestan Oriental, son considerados grupos terroristas polos Estados Unidos e a maior parte dos países occidentais.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: