Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xuntanza con Juan Vicente Herrera

O primeiro consenso de Feijoo sobre financiamento: con Castela e León

Acordan esixir o incremento da ponderación da dispersión xeográfica e o recoñecemento do feito diferencial da emigración.

Redacción - 19:20 06/07/2009

Opacidade, descoordinación e confusión foron algúns dos cualificativos empregados este luns polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, para referirse ao esquema do goberno español diante da reforma do financiamento autonómico. Feijoo acusou o executivo estatal de deseñar un modelo baseado na poboación "e non no custe real dos servizos públicos". Expón Núñez Feijoo que, se ben a evolución da poboación é un factor relevante "non pode ser o eixe dun modelo de financiamento solidario e equitativo". "A clave está en coñecer o custe real de prestación dos servizos públicos, e o Goberno de España parecer ter renunciado a iso", reprocha o presidente.

Sobre este punto, o presidente galego aproveitou a xuntanza co seu compañeiro de partido e presidente da Junta de Castilla y León, Juan Vicente Herrera, para endurecer o seu discurso dos últimos días. Foi así como denunciou o "estancamento" do actual proceso de reforma e insistiu en que, até o de agora, "non se produciu ningún debate multilateral" e só encontros bilaterais "sen un papel de por medio". "Non entendemos por que desde o goberno español se insiste na inminencia dun acordo para o que, na nosa opinión, queda moito por facer", reprochou. No contexto actual, asegurou Feijoo que existen "criterios de oportunidade política e de conveniencia partidista" que impedirían o acordo.

Máis recursos e cambios na ponderación de factores
Feijoo e Herrera asinaron un documento conxunto de dezaoito puntos no que comezan reclamándolle ao goberno español que, de xeito global, a modificación do modelo vixente implique a inxección no sistema de financiamento autonómico dun maior volume de recursos.

A continuación, o texto salienta entre outros a necesidade da inclusión de variábeis como o custo real da aplicación da lei de dependencia, a dispersión, o avellentamento, a orografía, a emigración e a baixa densidade de poboación. Xustifican a solicitude en diversos estudos, citando especificamente o do grupo de traballo sobre gasto sanitario, e apuntan que se trata de criterios cunha influencia "moi superior á outorgada no modelo actual". De xeito concreto, Feijoo e Herrera acordan que a dispersión "non debe pesar menos do 1,2% na determinación da poboación equivalente". Por outro lado, propoñen que se introduzan mecanismos de revisión periódica do sistema, suxerindo unha revisión quinquenal das necesidades de financiamento e dos seus factores diferenciais.

Avance en autonomía e corresponsabilidade
O documento asinado polo presidente da Xunta á beira do mandatario castelánleonés pide o avance nos principios de autonomía e corresponsabilidade fiscal para que "as comunidades autónomas aumenten a súa capacidade para desenvolver unha política fiscal propia e axeitada aos seus territorios". Citan ao respecto que ese avance na autonomía debe ir vencellado á mellora dos instrumentos técnicos relacionados coa cesión de tributos, aínda que sen citar no caso de Galiza a posibilidade da axencia tributaria propia.

Feijoo insistiu ademais no "principio de igualdade", pedindo que se garanta que "a calidade dos servizos sexa homoxénea en todo o territorio español". Por último, tamén coinciden en reclamar que se trate xa a reforma do sistema de financiamento local. "Malia seren procesos distintos, as reformas dos sistemas de financiamento autonómico e local deben efectuarse en paralelo, sen que iso supoña mesturar os procesos, posto que obedecen a financiamento de competencias diferenciadas e podería supoñer unha maior dificultade para chegar a acordos".

Doutra banda, Feijoo e Herrera acordaron deixar para unha futura xuntanza, un cumio a celebrar o próximo outorno, o tratamento doutros temas de interese. Entre outros, citaron as infraestruturas, a colaboración no Xacobeo 2010 e diversos sectores estratéxicos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: