Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
EDITORIAL

Preferimos bañarnos en auga suxa

En Galicia contamos cun dos recursos naturais máis valiosos para a humanidade: a auga. E por riba, contamos con ela en abundancia. Poderiamos dicir que en demasiada abundancia. Tanta, que o noso consumo é abusivo. E abusivo non significa simplemente que se consuma auga en exceso, senón que ademais se maltrata a súa calidade. Pensamos que a auga é como un disolvente universal: pode con todo. Que é capaz de purificar e desfacer todo canto refugallo lle enviemos: aceites, lixivias, pinturas, e moito máis. O desaugue do vertedeiro é usado por miles de familias como a vía máis cómoda para desfacerse dos residuos domésticos.

Redacción - 18:30 05/07/2009
Tags: Auga

 
Moitas empresas imitan esta conduta cos seus verquidos. Malia estaren obrigadas a facer un depurado previo antes de lanzar aos colectores xerais o seu refugallo, seguen usando os desaugues de forma indiscriminada, desprendéndose de todo canto xeraron no proceso de produción.

Cidades como A Coruña ou Vigo carecen de depuradoras con capacidade para tratar adecuadamente os residuos (domésticos e industriais) que xera a súa poboación, usando o mar como cómoda válvula de escape onde descargar millóns de litros de auga contaminada e sen tratar.

A Unión Europea marcou o ano 2005 como límite para que todas as poboacións de máis de 2.000 habitantes (tamén as galegas) contasen cun sistema de tratamento de augas residuais. En 2009 os resultados son vergoñentos. Descoñecemos qué empresas e qué núcleos de poboación garanten un correcto tratamento dos seus residuos; posiblemente menos dos que pensamos. Por medo ás sancións europeas non enfrontamos publicamente a nosa incompetencia para tratar un asunto tan delicado que, a medio prazo, será o que determine a calidade de vida do noso ecosistema, do que formamos parte e que explotamos con audacia desmedida.

Botarlle a culpa aos políticos é simplemente ignorar que eles nunca farán o que non se lles esixa: eles mesmos saben que as redes de saneamento non dan votos; os bailes, as farolas e os bancos, polo visto, si. Ou non? Nalgún momento haberá que pararse a pensar cales son os requisitos mínimos que lles imos pedir aos políticos para gobernar neste país, sexan cales sexan as súas siglas e a súa ideoloxía. Levamos demasiado tempo perdido distraéndonos.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: