A formación, da que fan parte entre outros o LAOS grego e a Lega Nord, defende a soberanía das nacións-estado.
Nigel Farage, do UKIP
O grupo Europe of Freedom and Democracy (Europa da Liberdade e da Democracia, EFP), o novo partido do Parlamento Europeo que agrupa as forzas euroescépticas e de dereita do continente, presentouse oficialmente esta cuarta feira.
A EFP, herdeira do grupo Independence-Democracy (Independencia-Democracia), anunciou que pretende facer campaña polo 'non' no segundo referendo sobre o Tratado de Lisboa previsto para outubro. En xeral, os principais puntos do seu programa baséanse na defensa da soberanía das nacións-estado.
O Partido pola Independencia do Reino Unido (UKIP) é o que achega máis deputados, 13 dos 30 totais, seguido pola Lega Nord (anti-inmigración), con 9. De feito, a EFP estará copresidida polos líderes das dúas formacións en Bruxelas, Nigel Farage e Francesco Speroni, respectivamente.
Completan a lista o Partido Ortodoxo Laico de Grecia (LAOS), con dous europedutados, os mesmos con que conta o Partido do Pobo Danés. E con un, True Finns, Mouvement pour la France, Partido Político Reformista de Holanda e o Partido Nacional Eslovaco (SNS, extrema dereita).
Farage sinalou que seguen a negociar con outras formacións políticas coa esperanza de sumar máis deputados antes da primeira sesión plenaria en Estrasburgo o vindeiro 14 de xullo.