O Porto de Vigo entrou a construír, sen licenza, unha plataforma de formigón de 50 mil metros, nunha zona que está inserida na Rede Natura.
A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo admitiu a trámite a denuncia interposta pola Plataforma de Defensa da Enseada de San Simón contra a ampliación, de 50 mil metros cadrados, promovida pola Autoridade Portuaria de Vigo na citada enseada, zona afectada pola Rede Natura.
Unha zona xa cobizada outras veces polo cemento
A mobilización cidadá conseguira, no seu momento, paralizar a intención dunha empresa asturiana, con beizón oficial, de chantar unha fábrica de cemento no mesmo estreito de Rande, nun recanto de privilexio a pé da enseada de San Simón que no pasado fora utilizado para embarcar mineral.
Paralizado aquel proxecto, non sen pouco esforzo, chegaba, en outubro do ano pasado, a noticia dunha nova ameaza para o lugar en forma de proxecto da Autoridade Portuaria de Vigo. O Porto iniciou as obras para o vertido de formigón nos predios en cuestión, e proxecta, nunha segunda fase, realizar un recheo. O obxectivo é converter a zona nunha nova área de almacenaxe de contedores que complemente as que a institución xa xestiona, creando outra zona de atraque para os buques que transportan estes bloques.
Porén, para a Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón, a construción desta macro-plataforma devastaría un dos lugares máis emblemáticos da ría viguesa, punto de referencia da histórica batalla de Rande e xacemento arqueolóxico da flota afundida naquela altura. Alén da afectación que a formigonada tería para o medio mariño e as súas especies, xa que a enseada de San Simón é o enclave é fundamental como niño biolóxico para o desenvolvemento da riqueza pesqueira e marisqueira da ría, declarado pola Xunta como zona de protección en 2002. Por todos eses motivos, segundo a plataforma, os únicos aproveitamentos económicos que deben permitirse na zona son os tradicionais da pesca, marisqueo, cultivos pesqueiros e do mexillón, segundo se desprende da directiva europea de Hábitat.
Unha obra sen declaración de impacto ambiental e sen permisos
A obra, cuxa denuncia admitiu agora a trámite o Parlamento Europeo, foi promovida polo anterior presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Paz, sen sometela a información pública nin a declaración de impacto ambiental por considerar innecesario ese procedemento. As obras no peirao de Duchess comezaron en setembro do ano pasado, e realizáronse sen permiso do Concello de Redondela, ao que correspondería outorgalo, segundo a plataforma, por pertencer a este municipio a metade do solo empregado.
A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, segundo a resposta que dá á denuncia, "iniciou o exame da súa petición e decidiu para ese efecto solicitar á Comisión Europea que inicie unha investigación preliminar sobre os diferentes aspectos do problema".