Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
GABANZA DE BEIRAS A OTERO PEDRAYO

"Pergúntome se non acabará por ser comesto dos lobos o froito do voso titánico esforzo"

Achegámoslles o texto do texto que Beiras leu o domingo en Trasalba ao recibir o premio que leva o nome do intelectual ourensán.

Redacción - 12:00 01/07/2009

O pasado domingo Xosé Manuel Beiras recibiu o Premio Trasalba, que cada ano entrega a Fundación Otero Pedrayo recoñecendo o compromiso con Galiza dunha persoa ou colectivo. No acto, Beiras fixo unha gabanza do intelectual ourensán, na que repasou a través da figura de Otero Pedrayo a historia do galeguismo ao longo do século XX. Comezou lembrando a propia relación que os uniu, dende a Compostela dos anos cincuenta:

"Non son capaz de sinalar o momento preciso en que emergulla por primeira vez a imaxe de Don Ramón Otero Pedraio. Se cadra porque, presidindo o escritorio do meu pai, primeiro na rua do Vilar e despois na Rosaleda, estivera sempre un tríptico de retratos fotográficos que eu vía de cotío, enmarcado en madeira escura tallada por Bonome e coroado polo escudo de Galiza, no que a efixie de Don Ramón ocupaba o centro: Castelao, á esquerda, e á dereita Risco, completaban a trinidade simbólica providencial do credo que máis firme e afervoadamente profesou meu pai de por vida, o ideario galeguista da redención do povo galego, o ideario liberador da Terra asoballada, o ideario emancipador da nosa nación galega".

No momento máis emocionante do seu discurso Beiras lembra que "Don Ramón e os seus Irmáns galeguistas, aquiles que pesia todo non renegaran, tiveron que asumir a maldición de Sísifo, e encetaren a reanudación do proceso construtivo da nación galega dende ben máis atrás de onde fora brutalmente interrompido. Á sua heroica teimosía débelles todo a miña xeración".

E a gabanza pechouse cun compromiso: "Meu benquerido e venerado Don Ramón de Trasalba, veleiquí tés ao pé de ti e da tua benfeitora sombra a este Señorito da Reboraina apócrifo, usurpador cordial da tua derradeira persoaxe de ficción, que se pergunta se non virá ser, il si, apenas unha pantasma do século vinte condeada tamén ela á maldición de Sísifo. A esta altura da miña andaina, cáseque non teño máis que dúbidas e interrogantes, réstanme poucas certezas, fágome a cada paso máis perguntas para as que non acho resposta, agóirame o ‘ignorado e misterioso porvir' do meu, do teu, do noso povo. Pergúntome mesmo, ás veces, se non acabará por ser comesto dos lobos o froito do voso titánico esforzo, do sacrificio de tódolos teus e meus irmáns que consagraron, e até perderon, as suas vidas na loita pola dignidade e a liberdade do seu, do noso povo (...) Mais non. Non desertaremos, meu amigo, meu venerado Don Ramón de Trasalba". E augura: "De xeito que volverá abrollar a fusquenlla, porque compre unha nova rebelión emancipadora, compre unha grande mobilización cívica que devolva a este povo a sua dignidade, o exercizo da sua soberana liberdade".


Ligazóns

5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: