Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ante a inmobilidade de sindicatos e patronal

Após a multitudinaria manifestación, a negociación do Metal segue bloqueada

Os representantes dos traballadores rexeitaron a proposta dos mediadores da Xunta, e os empresarios advertiron que nove mil operarios non han cobrar o mes de xuño.

Redacción - 08:00 01/07/2009
Os operarios concentráronse en San Caetano, pedindo unha participación máis activa da Xunta no conflito / Imaxe: Xela Rodríguez

Os operarios concentráronse en San Caetano, pedindo unha participación máis activa da Xunta no conflito / Imaxe: Xela Rodríguez

A negociación do convenio colectivo do sector metalúrxico da provincia de Pontevedra mantense bloqueada despois de que os sindicatos lle confirmasen esta terza feira aos mediadores da Administración que rexeitan a súa proposta de incremento salarial, e de que os empresarios non entrasen a valorala, o que implica que as partes volven ás súas posicións iniciais.

Todo isto aconteceu apenas unhas tres horas despois de que máis de dous milleiros de operarios do sector chegasen, após un día e medio de camiño, a Compostela, para demandar ante o edifico da Xunta, en San Caetano, unha implicación máis activa da Administración Feijoo no conflito.

A resposta da patronal
O voceiro da patronal, Enrique Mallón, recoñeceu que os empresarios non entraron a valorar a proposta dos mediadores -que ofrecían unha subida do 2,5 por cento para este ano; un 1,5 máis IPC para 2010; e un 1,25 máis IPC para 2011, sen que compute nunca un IPC negativo-, debido que os sindicatos xa a tiñan rexeitado. "Non ten sentido que a valoremos porque aos sindicatos non lles serve, polo que volvemos á nosa proposta inicial, que xa é de máximos", acrecentou. Así, os empresarios volven pór sobre a mesa un convenio colectivo a tres anos, cun incremento do 2% en 2009; 0,5% máis IPC en 2010; e o mesmo para 2011. Segundo Mallón, "a situación é mala" porque a última xuntanza non serviu para que houbese avances, aínda que explicou que "a mediación continuará co obxectivo de que haxa un achegamento entre as partes".

Con respecto ás consecuencias dos 20 días de paro que leva o sector, Mallón advertiu de que máis de nove mil traballadores dunhas 200 empresas non cobrarán as súas nóminas de xuño, unha situación que pode repetirse tamén en xullo. Así mesmo, apuntou que o sector metalúrxico e a construción naval levan acumulados máis de mil millóns de euros en perdas, e insistiu en rexeitar a posibilidade dunha arbitraxe por parte da Xunta porque "non ten sentido".

A resposta dos sindicatos
Pola súa banda, os sindicatos confirmaron que esta cuarta feira terán unha xuntanza ás 10h00 entre eles, para decidir o calendario de mobilizacións ou, no seu caso, a desconvocatoria da folga, despois de que se confirmase un novo bloqueo na negociación. Posteriormente, trasladarán a súa decisión aos traballadores nunha asemblea que se desenvolverá ás 12h30 na Praza do Rei -para a cuarta non están previstas outras manifestacións nin marchas pola cidade-.

O representante de CCOO, Ramón Sarmiento, explicou que os mediadores pediran máis tempo para "reformular" o seu posicionamento, porén, aínda non se fixou un novo encontro da mesa negociadora. Así mesmo, confirmou que algunhas empresas xa trasladaron aos delegados sindicais as súas dificultades para pagar os salarios.

O voceiro de UXT, Diego Atanes, recoñeceu que, tras esta xuntanza, pódese falar de "outro día máis para non ser optimistas", e lembrou que, para os representantes dos traballadores, a proposta de incremento salarial dos mediadores "non é suficiente", á vez que criticou aos empresarios pola súa "falta de seriedade" por non querer valorar esta proposta.

O responsábel de CIG-Metal, Miguel Anxo Malvido, lembrou polo seu lado que, ademais dos incrementos salariais, para o sindicato nacionalista, "é prioridade" que se regule a contratación no naval.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: