Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
JOSÉ LUÍS BOUZA, PADEXEIRO

“O piragüismo sempre vai ter futuro en Galiza, porque é moi popular”

O tudense acaba de acadar o bronce europeo nunha final de C1 1000 de gran nivel que venceu o actual campión olímpico, Attila Vajda.

Pablo García Martínez - 10:45 01/07/2009
José Luís Bouza

José Luís Bouza

Despois de acadar nos anos 2006 e 2008 cadanseu subcampionato europeo Sub-23 na canoa individual, sobre a distancia de mil metros, José Luís Bouza (Tui, 1985) subiu un chanzo esta fin de semana e agora xa trunfa cos maiores. Foi a súa irmá quen o enganchou ao piragüismo e aos sete anos ingresou no Club Kayak Tudense, co que leva competindo "toda a vida" tal e como el mesmo nos explica. Polo medio quedan varios campionatos galegos e estatais que o confirman como unha das novas caras destinada a renovar un olimpo do piragüismo galego que, polo de agora, conserva a saúde dun buxo.

Como correron as regatas que che permitiron pendurar a medalla de bronce no teu pescozo?

Na primeira regata competín con Mathieu Goubel, que era o vixente campión de Europa, e rematei primeiro, conseguindo acadar a clasificación directa. Na final saín bastante atrás e fun remontando posicións aos poucos até chegar ao terceiro posto.

A vitoria final foi para o actual campión olímpico, o Húngaro Attila Vajda. Como o viches?
Actualmente é o mellor en mil metros e penso que vai estar moito tempo aí. É superior aos demais.

Outra das grandes referencias desta distancia a nivel mundial é o cangués David Cal, ao que venciches nos campionatos estatais. Sorprendeute o feito de rematar diante del?
Non sabíamos como ía estar David, pero estabamos ben e fomos preparados para loitar con el. Aínda así, tamén tiñamos preparado o barco de C-2 co que tamén estivemos neste europeo e rematamos novenos na final.

Que supón este bronce para ti?
Dáme máis ilusión e tamén ganas de seguir adestrando. Agora só queda pensar no mundial que vai ser dentro de seis semanas en Canadá.

Con que idea vas ao mundial, que terá lugar na localidade canadense de Darmouth?
O meu obxectivo fundamental é estar na final, e unha vez alí procurar facelo o mellor posíbel e desfrutar do que xurda.

Pensas, a longo prazo, na posibilidade de estar nos Xogos Olímpicos de Londres?
Para esa ocasión o C1 está bastante ben cuberto con David, e entón eu estou comezando a traballar no C2 co meu compañeiro no Kayak Tudense Daniel Costa. Levamos pouco tempo preparándonos e xa estamos loitando nas finais, polo que debemos ir mellorando pouco a pouco.

En que tedes que mellorar aínda?
Fáltanos comezar as regatas un pouco mellor situados, e reducir así a desvantaxe que nos adoitan sacar os outros barcos na saída, para que resulte máis doado estar con eles no final. En xeral eu penso que é algo no que melloraremos segundo collamos experiencia.

Compites co Kayak Tudense, que na actualidade é o club de piragüismo que mellores resultados acada no país. Cales pensas que son os factores determinantes?
Creo que os factores fundamentais son a situación que temos, perto do Miño, e cunhas boas instalacións; así como os grandes adestradores cos que traballamos.

E a nivel de Galiza, cales consideras que son as claves dos bos resultados que adoitan acadar os nosos padexeiros?
Arriba xa temos xente moi boa como Perucho ou David Cal, e abaixo estase traballando moi ben dende o Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Penso que o piragüismo é un deporte que sempre vai ter futuro en Galiza, porque é moi popular.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: