Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONSÚMASE A LIBERALIZACIÓN DA ELECTRICIDADE

Mentres as eléctricas gañan 2 mil millóns de euros, a tarifa da luz sobe un 2%

O incremento no prezo entra en vigor o primeiro de xullo até xaneiro de 2010 e afectará a 23 millóns de usuarios cunha potencia contratada inferior a 10 quilovatios.

Isabel G. Couso - 18:30 30/06/2009
De non solicitar ningún cambio, os consumidores pagarán un 2% máis a partir do 1 de xullo

De non solicitar ningún cambio, os consumidores pagarán un 2% máis a partir do 1 de xullo

Este mércores, o inicio do mes de xullo virá acompañado dun incremento na tarifa da electricidade. Culmínase así un proceso de liberalización do sector que comezara hai xa hai once anos e que permite a todos os usuarios elixir a que empresa comercializadora mercan a electricidade. Con todo, as compañías aínda non puxeron no mercado as súas ofertas polo que, na práctica, os consumidores non se poderán beneficiar, de momento, da libre competencia. Así as cousas, os que non fagan ningún trámite na procura duns prezos mellores, verán subir a súa conta mensual un 2%, é dicir, uns 70 céntimos.

Os beneficios, en cifras
Esta liberalización, tan reclamada polas eléctricas, obedece ao chamado "déficit tarifario",é dicir, á diferenza recoñecida entre custes de xeración e prezos repercutidos nos usuarios ao longo dun período de anos nos que a tarifa non se axustou ás necesidades. Para este 2009, o déficit recoñecido é de 3,5 millóns de euros. Porén, o escenario queda aínda máis claro se temos en conta os beneficios que acadan as eléctricas: segundo os datos oficiais do primeiro trimestre do ano, as principais compañías (Iberdrola, Endesa, Unión Fenosa e HC Energía) obtiveron un beneficio de 1.867 millóns de euros. Malia o estratosférico da cifra, o negocio é un 20% inferior respecto aos 2.355 millóns do mesmo período de 2008.

Opcións para o consumidor
Logo destes cambios, o mercado ofrece tres posibilidades diferentes para os usuarios. A primeira delas é acudir ao libre mercado e elixir a compañía que mellor prezo e servizo lle ofreza. A elección é posíbel entre unhas vinte compañías, mais de momento os seus produtos e tarifas son moi similares.

Doutra banda, o usuario pode tamén acollerse á Tarifa de Último Recurso (TUR), sempre e cando a súa potencia contratada sexa inferior a 10 quilovatios. Esta é a opción que se aplica, por defecto, se o consumidor non pide outra cousa, é dicir, sería o concepto no que se tería en conta a suba do 2% que aprobou o Ministerio de Industria e afecta a meirande parte dos fogares.

A terceira das opcións é a que recibe o nome de Bono Social, pola que se conxelan os prezos da tarifa para aqueles consumidores cunha potencia contratada inferior a tres quilovatios, aos pensionistas con pagas mínimas, a aquelas familias con todos os seus membros en situación de desemprego e ás familias numerosas. Este Bono entrará tamén en vigor o mércores 1 de xullo e os seus solicitantes beneficiaránse dende o primeiro día do período de facturación no que o soliciten.

O obxectivo do goberno español é que, en tres anos, desaparezan tanto a TUR como o Bono Social. Dende as asociacións de consumidores e cidadáns xa criticaron esta medida, dunha banda porque consideran que a suba da tarifa é excesiva tendo en conta a actual conxuntura económica; e da outra, porque entenden que a TUR acabará converténdose nunha tarifa disuasoria. Ademais, critican a pouca información difundida por Industria ao respecto.


Ligazóns

4/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: