A segunda base de datos de poboación máis grande do mundo está previsto que se complete no ano 2011.
O goberno da India prevé crear unha enorme base de datos sobre a súa poboación, que se convertería na segunda do mundo, despois da da China. O proxecto, encabezado polo emprendedor Nandan Nilekani, ex-vicepresidente de Infosys, prevé que cada persoa conte cun documento de identidade. O obxectivo é que, en tres anos, se lle poidan achegar servizos sociais e axuda a persoas que actualmente non teñen medios de identificación.
O sistema tamén se presenta como un xeito de combater a fraude e o roubo de identidade, aínda que non oculta a pretensión de contribuír a combater a violencia militante, aumentar a seguridade nacional e axudarlles ás forzas da orde.
A Autoridade de Identificación Única da India (UIDAI), presidida por Nilekani, está a desenvolver un sistema que prevé que no ano 2011 cada cidadán adulto deba levar consigo un documento de identificación, xusto cando se publique un rexistro estatal da poboación. Porén, moitos expertos aseguran que levar a cabo esta tarefa levará máis tempo do previsto.