Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DO DÍA 13 AO 17 DE XULLO

Os sindicatos anuncian cinco días consecutivos de tractoradas

Exixen solucións e ameazan con "radicalizar" o conflito. O conselleiro de Medio Rural anuncia que traballa na elaboración dun plan sectorial.

Redacción - 18:15 26/06/2009
Os tractores volverán asolagar as estradas do país

Os tractores volverán asolagar as estradas do país

Os tres principais sindicatos que operan no agro galego e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) anunciaron unha "semana branca" para loitar pola supervivencia do sector de produción leiteira, con protestas que se desenvolverán entre os días 13 e 17 de xullo. Durante estes días realizaranse tractoradas coas que se pretende colapsar as cidades de Compostela e Lugo, ademáis doutras medidas de presión.

Con esta protesta conxunta os sindicatos agrarios unen as súas forzas para aproveitar o pulo que a súa voz colleu despois das tractoradas que colapsaron a Compostela os días 17 e 18 de xuño, e pretenden así levar as súas demandas a todos os currunchos do país. Sobre este aspecto a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Carmen Freire, afirmou que contan de ter o "apoio" da sociedade, xa que segundo ela é "unha cuestión de país".

Todos os representantes sindicais coincidiron en subliñar o "ameazado" que está o sector de produción leiteira, con explotacións cobrando polo leite cantidades moi inferiores ao custo que lles supón a súa produción. O secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA), Roberto García, dixo que o resultado das negociacións que se están realizando coas administracións é un "expediente de regulación de emprego" do cen por cen das explotacións e destacou que "o éxito da tractorada sería non ter que convocala".

O máximo responsábel de Xóvenes Agricultores (XX.AA), Francisco Bello, dixo que mentres hai numerosas granxas "moi endebedadas" a administración pública "segue sen dar sinais de vida" e "só fan reunións que non rematan de callar". Bello tamén aproveitou para criticar que algunhas entidades financeiras "non apliquen" os convenios asinados sobre o adianto das axudas da PAC e as axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Con esta advertencia coincidiron o resto de responsábeis sindicais, ao que Carme Freire engadiu que estas axudas "non son a solución", porque os gandeiros "non poden poñer como aval a súa débeda".

O conselleiro de Medio Rural anuncia a elaboración dun plan sectorial
Este venres tamén compareceu na comisión parlamentaria de Agricultura o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez e informou de que o seu departamento está traballando na elaboración dun plan estratéxico para o sector leiteiro que complemente o elaborado polo ministerio estatal. Entre os aspectos a incluír neste paquete de medidas Juárez falou da mellora da estrutura das explotacións, a diversificación da produción ou o impulso das relacións entre produtores e industrias leiteiras para acadar "unha maior estabilidade dos prezos".

Ao preguntarlle PSOE e BNG sobre os contratos homologados, o máximo responsábel de Medio Rural dixo que estes eran "unha ferramenta moi importante" para dar estabilidade ás relacións entre gandeiros e empresarios lácteos. Aínda así, explicou que deben "ir avanzando" na súa introdución e incorporar "novos elementos de seguridade".

Anterior: Consenso no sector leiteiro para sacar os tractores á rúa en xullo


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: