A interpretación e a recolleita son as razóns de ser dun proxecto que pretende poñer en valor o patrimonio musical galego.
Alá polo 1880, Francia iniciaba o proceso de selección e recompilación da súas partituras musicais na busca dun repertorio nacional. Con máis dun século de atraso, a quenda chegoulle a Galiza, da man dun proxecto que ten moito de quimera e máis de ilusión e de entrega. Chámase Galicia XXI e confórmano dous músicos de prestixio, Luís Soto e Diego García, que se marcaron como obxectivo recompilar o repertorio para frauta e para piano creado por compositores galegos de diferentes épocas e estilos.
Luís, quen na actualidade ocupa o posto de Frauta-Frautín na Real Filharmonía de Galicia, tivo a inquedanza inicial: "dunha banda, quixemos dar a coñecer o repertorio para frauta e piano de compositores galegos que, simplemente, non existía; e da outra, o noso obxectivo é o de incentivar a propia creación". A este propósito sumouse o seu compañeiro grupal, Diego, director de orquestra e cofundador de Ensemble Contra, quen subliña a necesidade de defender o noso patrimonio musical: "unha das cousas que máis hai que coidar son os nosos propios valores".
Selección e incentivo
O proceso comezou cunha primeira fase de indagación e busca da obra musical existente no país. Non en vano, segundo explica Soto "se lle preguntamos a un músico ou alumno de conservatorio galego non será quen de nomear nin a tres compositores galegos". Comezaron entón a saír nomes como Roxelio Groba, Paulino Pereiro ou Xoan Durán, que tiñan partituras para piano e frauta. Foi un difícil traballo no que houbo que acudir ás bases de datos particulares, xa que non é unha información nin accesíbel nin compilada en tendas de música ou bibliotecas.
A partir deste momento, chega unha segunda fase na que, ademais, xorden compositores mozos, interesados en compoñer. "Hoxe temos contabilizadas unhas 50 persoas neste país que están a escribir música", explica Soto, mais a súa invisibilidade fai, non só que se manteñan á marxe dos circuítos oficiais da música contemporánea, senón que sexan uns auténticos descoñecidos para os propios músicos galegos. De feito, a súa presenza no repertorio das orquestras do país non é máis que residual, "para cumprir o papel".
Iniciativa particular
Unha vez botado a andar o proxecto, o obxectivo sería que se sumasen máis e máis partituras, e non só para frauta e piano, senón doutros instrumentos. Con todo, Galicia XXI obedece máis a un desexo e inquedanza particular que a un obxectivo común. As administracións non son abondo sensíbeis cara a interpretación musical máis clásica. "Falamos coa equipa de goberno anterior, mais como agora mudou o executivo as conversas quedaron paralizadas", explican, "temos solicitada unha xuntanza cos novos dirixentes culturais, mais un obxectivo coma este non debería obedecer nin aos cambios políticos nin a unha dependencia da cultura subvencionada que hoxe padecemos".
De aí a importancia de iniciativas coma esta, porque "un compositor escribe se se lle toca, se se fomentan os lugares nas que a música é interpretada", di Soto apelando á necesidade de crear plataformas nas que a música contemporánea galega teña verdadeira visibilidade. Así, Galicia XXI convértese en si mesma un estímulo dende a propia interpretación, ademais de facelo dende a recolleita.